Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 15/12/2021 | Actualizada ás 19:48
A empresa agroforestal galega Ibérica de Esponjas Vegetales é pioneira no cultivo de luffa e agora conseguiu a patente europea para a fabricación de esponxas vexetais de uso cosmético e estropallos de cociña ecolóxicos.
Con sede no concello de Caldas de Reis (Pontevedra), é a principal empresa europea dedicada ao cultivo procesado desta especie vexetal.
Tras anos de investigación, conseguiron unha variante xenética propia e unha fibra vexetal de "moi alta calidade", segundo sosteñen. Actualmente, contan coa patente en China e Canadá, acaban de conseguir a da UE e están pendentes da concesión en Estados Unidos, informa a compañía.
"A maioría de esponxas e estropallos están feitos con materiais sintéticos. Co uso, vanse desgastando e rompendo en anacos que pasan polo desaugadoiro e convértense en microplásticos que acaban no mar. Por iso pensamos en obter fibras vexetais para a substitución dos plásticos nestes produtos", indica o director técnico da firma, Juan Carlos Mascato.
A luffa é un vexetal cuxo froito é moi similar ao calabacín e a súa pulpa interna vaise deshidratando e transformándose en fibra. Unha vez madurado, cultívase, pélase, quítanse as sementes e déixase secar. Así se extraen as fibras, que logo se tratan con auga termal a 43 graos.
A empresa foi seleccionada para participar no programa Agrobiotech, promovido polo Parque Tecnolóxico de Galicia e a Xunta, que busca icnrementar o nivel de excelencia das pemes innovadoras galegas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.