O PSdeG segue partido en dous, tras as confrontacións entre os de Formoso e os de Caballero

A contorna de Formoso lembra a Caballero que o grupo parlamentatio debe asumir as resolucións da dirección. Blas García di que o secretario xeral electo "non aplica o rodete" e Arangüena fala de "campaña sistemática de acoso a Gonzalo Caballero".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/12/2021 | Actualizada ás 15:18

Comparte esta noticia

A comisión organizadora do XIV Congreso do PSdeG, órgano nomeado a proposta do novo secretario xeral electo do PSdeG, Valentín González Formoso, lembrou ao portavoz da formación na Cámara galega, Gonzalo Caballero, que o grupo parlamentario debe asumir as resolucións da dirección.

Gonzalo Caballero e Valentín González Formoso, na sede da formación no Pino
Gonzalo Caballero e Valentín González Formoso, na sede da formación no Pino | Fonte: PSDEG.

Así o sinalaron este venres na sede do PSdeG representantes da comisión organizadora do XIV Congreso que os socialistas galegos celebrarán os próximos días 7 e 8 de decembro e despois de que Gonzalo Caballero asegurase o xoves que é ao partido a quen lle corresponde propor os nomes para que despois o grupo elixa o seu portavoz de acordo á normativa da Cámara.

Preguntados por estas declaracións, a integrante da comisión organizadora Teresa Facal lembrou que os estatutos federais do partido sinalan que a comisión executiva é a que propón e o grupo "asume" esa proposta e "cumpre todos os regulamentos, normas e decisións da comisión executiva federal".

Ademais, sinalou que agrupacións locais presentaron algunha emenda neste sentido. Precisamente, entre as 2.148 achegas ao relatorio, inclúense algunhas formuladas ao apartado do documento marco do partido que inciden na necesidade de que nas institucións se actúe con "lealdade" á dirección galega.

"As fortalezas institucionais e a implantación territorial do PSdeG debe ser a principal fortaleza do PSdeG, colaborando desde o ámbito institucional e os diferentes ámbitos territoriais con lealdade coa dirección galega do partido e contribuíndo á súa planificación estratéxica, lonxe de exercer de contrapoder dos órganos de dirección nacional e de contraprogramar as súas actividades", sinala.

Así mesmo, esta emenda indica cada ámbito do partido débese "centrar" nas súas competencias e pór os seus recursos "a disposición de todo o PSdeG".

O tamén integrante da comisión organizadora e alcalde de Ames, Blas García, lembrou que "o PSdeG é un, independentemente dos grupos parlamentarios que teña". "E non cabe outra que traballen en consonancia coa comisión executiva nacional galega, que a elixe o secretario xeral que foi elixido pola militancia", dixo.

García incidiu en que "en Galicia houbo un proceso electoral interno no que o actual secretario xeral sacou un 60% dos votos da militancia". "E hai algo máis dun ano houbo un proceso electoral en Galicia no que o PSdeG foi terceira forza. Aquel que non queira entender esa mensaxe o problema non o pode trasladar ao Partido Socialista, senón que o terá que tratar el internamente", afirmou.

CAPACIDADE DE DIÁLOGO DE FORMOSO

Na súa intervención, ademais, Blas García respondeu ás críticas da contorna de Gonzalo Caballero ao asegurar que Formoso "non é unha persoa que aplique o rodete". "É unha persoa dialogante, que ten manifestada e demostrada a súa capacidade de diálogo e integración", incidiu.

Tras iso, lembrou que "os militantes falaron cando tiveron que falar". "E o actual secretario xeral electo tivo un apoio do 60%", dixo para lembrar tamén que a de Gonzalo Caballero é "a única dirección que, sendo dirección, perdeu un proceso electoral interno".

ELECCIÓN DO COMITÉ NACIONAL

Ademais, o rexedor de Ames destacou que outra das emendas presentadas ao relatorio do XIV Congreso aborda o cambio aprobado no Congreso Federal de Valencia para a elección dos membros dos comités nacionais, de forma que estes pasen a ser elixidos os congresos autonómicos e provinciais e non polas agrupacións.

Respecto diso e despois de que Gonzalo Caballero esixise a Formoso evitar un "retroceso representativo" das agrupacións locais no Comité Nacional de PSdeG, Blas García lembrou que o actual secretario xeral electo "non ten nada que ver" coa aprobación deste punto na cita federal e sinalou tamén que "resulta chocante" que "agora proteste" cando "ninguén de Galicia" fixo "ningunha observación" a este respecto no propio congreso federal.

Dito isto, sostivo que a futura executiva galega non está en contra de que os delegados sexan elixidos a agrupacións, unha petición que poderá ser incorporada ao relatorio marco de aprobrarse a emenda no congreso galego.

"DÚAS VISIÓNS DO PARTIDO"

Por outra banda, o que era vicesecretario xeral da dirección de Gonzalo Caballero, Pablo Arangüena, sostivo que "ninguén deixou de asumir os resultados" das primarias.

"Son asumidos por toda a militancia, outra cousa é que as primarias non son un cheque en branco, porque o PSdeG é un partido democrático e non é normal que o secretario xeral entrante non lle colla o teléfono ao secretario xeral saínte cando se falou tanto de integración", sostivo.

Tamén denunciou que existe unha "campaña sistemática de acoso a Gonzalo Caballero" que reclamou que "cesamento". "Gonzalo Caballero ten toda a lexitimidade de facer as consideracións oportunas dentro da lealdade ao partido que non abandonou nunca", afirmou.

"Hai que entender que non se poden admitir tics antidemocráticos nun partido democrático" e "a democracia lógrase por dúas vías posibles: pola integración, da que fixo gala Valentín nas primarias; ou por vía de votación, así funciona a democracia", sinalou.

Así, tras incidir que se respecte a vontade de presentar listas ao comité nacional, un órgano que serve de "contrapeso" e para dar voz á militancia. "Se non hai integración, pedimos que se garanta a liberdade de votación e non se exerzan presións", sinalou para incidir en que non se pode "laminar a democracia no PSdeG".

Por último, dixo que "non hai correntes críticas" se non "visións diferentes do partido". "Hai unha visión máis de baronías e mesas padiolas e outra máis de democracia orgánica e participación da militancia. Esas dúas visións van seguir estando aí e teñen que integrarse", apuntou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta