Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/11/2021 | Actualizada ás 10:59
ORANGE con 4,43 puntos e o grupo MÁSMOVIL (MÁSMÓVIL, YOIGO, PEPEPHONE e LEBARA) e EUSKALTEL (EUSSKALTEL, R e TELECABLE que opera en Euskadi, Galicia e Asturias) con 5 puntos son os operadores telefónicos peor valorados polos usuarios do servizo de telefonía móbil. Só MOVISTAR e VODAFONE superan os 6 puntos, o primeiro con 6,64 e o segundo con 6,36.
No Servizo Fixo tres operadores acadan máis de 8 puntos: MOVISTAR (8,34), VODAFONE (8,24) e o grupo EUSKALTEL (8,13). ORANGE, repite a peor puntuación con 6,97 puntos.
Son datos feitos públicos pola Unión de Consumidores de Galicia que ven de avaliar a calidade dos operadores de telecomunicacións segundo os datos publicados pola Secretaría de Estado de Telecomunicaciones e Infraestructuras Digitales (SETID) e as estatísticas de reclamacións rexistradas na Oficina de Atención de los Usuarios de las Telecomunicaciones (OAUTEL).
"Os datos aportan información valiosa da actuación no mercado. Ademais, o exame da calidade aporta estabilidade fronte á volatilidade dos prezos, ao requirir investimentos que consoliden os progresos, por tanto, é relevante na elección de operador", aputna a entidade galega nun comunicado.
CALIDADE GLOBAL
A Calidade Global e froito de analizar os datos de calidade e reclamacións na telefonía fixa, telefonía móbil e Internet: tempo de conexión, avarías, tempo de resolución destas, caudal de carga e descarga, reclamacións en fixo e móbil, etc.). Neste sentido, MOVISTAR con 7,49 acada a maior puntuación. Resulta significativo que o operador que soporta a prestación do servizo universal siga a ser o mellor en termos de calidade.
A puntuación máis baixa é para ORANGE, con 5,70 puntos, a un 31% do líder. Só VODAFONE supera os 7 puntos, situándose na segunda posición, mentres que o Grupo MASMOVIL e EUSKALTEL móvense arredor dos 6,5 puntos.
AVARÍAS
Na telefonía fixa a porcentaxe de avarías vai do 2,40% (MASMOVIL e ORANGE) ao 0,63% de R. O tempo empregado na reparación de avarías vai desde as 46 horas de MOVISTAR ás case 118 de ORANGE (preto de 5 días) ou as 97 horas de MASMOVIL. R e TELECABLE roldan las 90 horas.
Pola súa banda, a porcentaxe de avarías reparadas no tempo obxectivo que comprometen (48 horas coa excepción de MOVISTAR que o establece en 46 horas) aproxímase ao 97% no caso de MOVISTAR e non chegan ao 90% ORANGE, MASMOVIL, R e TELECABLE.
En Internet, a porcentaxe de avarías de EUSKALTEL supera o 3,50% e R o 3,10%, entre o 2,20% e o 2,50% sitúanse ORANGE e MASMOVIL. No lado oposto VODAFONE, 0,89%.
MASMOVIL supera as 115 horas no tempo de reparación de avarías e TELECABLE as 103. ORANGE aproxímase ás 100 horas. No outro extremo, EUSKALTEL emprega 47 horas. No relativo ás avarías reparadas no prazo obxectivo (48 horas, excepto EUSKALTEL, 47), EUSKALTEL supera o 94,50% e R o 91%. O resto de operadores roldan o 90%, aínda que TELECABLE quédase algo descolgada co 86%.
BANDA LARGA
O caudal medio de descarga nas ofertas de fibra e cable, vai do 104% e o 101% de VODAFONE e TELECABLE respectivamente, ate o 92% e o 95% de R e EUSKALTEL. Pola súa parte, o caudal medio de subida nas mesmas ofertas, oscila entre o 102% e o 101% de VODAFONE e TELECABLE, ate arredor do 95,20% de R.
Respecto ás ofertas de ADSL (polo xeral 20/1 Mbps) a baixada está entre o 87% de MASMOVIL e o 73% de MOVISTAR e a subida oscila entre o 89% de MASMOVIL e o 69% de ORANGE.
QUEIXAS
En relación cas queixas sobre a atención ao cliente, os rexistros do organismo sinalan que MOVISTAR presenta o menor volume, 0,17 e VODAFONE triplica o dato (0,51). En canto ás reclamacións móbiles, a OAUTEL, sitúa a VODAFONE co peor índice de reclamacións (3,71) e a ORANGE co mellor (1,27).
Seguindo cos datos da OAUTEL, agora en referencia ás reclamacións do servizo fixo, estas presentan un volume que vai do 2,7 de EUSKALTEL ate o 33 de ORANGE, pasando polo 27 de MASMOVIL e o 19,5 de VODAFONE.
Segundo a SETID, as reclamacións no móbil oscilan entre o 0,45% de VODAFONE a case o 2,5% de ORANGE e MOVISTAR. No prepago flutúan entre o 0,087% de MOVISTAR e o 2,22% de VODAFONE. As relativas a facturas atópanse entre o 0,057% de VODAFONE e un 1% de MOVISTAR.
Os tempos de resolución de reclamacións van desde os 23 días de R, ou os máis de 14 días de MASMOVIL, aos 2,71 de VODAFONE. Por último, as reclamacións sobre factura no servizo fixo presentan uns rexistros desde o 0,20% de MASMOVIL ate o ,41% de TELECABLE.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.