Por Europa Press / Redacción | VIGO | 27/10/2021 | Actualizada ás 14:32
A asociación de consumidores En Colectivo instou a partidos políticos e empresas a sumarse á súa solicitude para que o Goberno central anule a prórroga da concesión da AP-9 a Audasa.
Nun comunicado, a plataforma criticou a "falta de movementos claros" desde que o emprazamento remitido hai un mes pola Comisión Europea, que optou pola apertura dun procedemento de infracción contra España por incumprimento da normativa comunitaria ao autorizarse a última prórroga sen unha licitación pública.
Por iso, En Colectivo apelou á "implicación" de "todos os representantes políticos, empresarios, administracións e entidades públicas e privadas de Galicia" ante esta situación. Deste xeito, busca que se convertan en "difusores e promotores" da recollida de firmas que esta entidade realiza para solicitar ao Executivo central que "asuma as consecuencias das ilegalidades cometidas nas prórrogas da concesión da autoestrada AP-9".
O presidente de En Colectivo, Diego Maraña, pediu o "apoio" do tecido político e empresarial para reclamar ao Goberno que "deixe de illar a Galicia" e de "obrigar" aos galegos a "asumir o custo dunhas peaxes que non lles corresponden desde que finalizou a concesión en 2013". De feito, advertiu de que, en caso de non anularse a segunda prórroga, os cidadáns "seguirán pagando desde 2023 ata 2048 a razón de 150 millóns de euros anuais".
Así as cousas, a asociación instou aos galegos sumarse á recollida de firmas que leva a cabo na súa páxina web no marco dunha campaña realizada con este obxectivo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.