O PP, canda Vox

O nidio trunfo do PP de Díaz Ayuso e Vox nas autonómicas madrileñas de maio xeraron de vez unha onda pro maioría dual das dúas dereittas nas enquisas para as vindeiras estatais, de xeito que case todas anuncian que Cs morre e PP e Vox obteñen unha maioría absoluta curta.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 10/10/2021

Comparte esta noticia

Substancialmente trátase dun reasignamento de escanos, nomeadamente nas pequenas circunscricións (3, 4 ou 5 deputados) da España baleira, mais tamén hai un chisco de aliñamento coa nova  mensaxe PP-Vox en determinados ámbitos do Estado español, de xeito principal na rexión madrileña e nas capitais castelás e andaluzas, sen que sexa polo de agora albiscábel este fenómeno noutras nacionalidades e sen prexuizo de que esta onda poida chegar tamén aos nosos barrios e que, mesmo sen se modificar de xeito substancial o asignamento de escanos da Galicia nunhas estatais, abonde con estas rexións, cidades e circunscricións para garantir unha maioría absoluta da dereita  e da extrema dereita no Estado. O afundimento de Cs coa lei D´Hondt é unha bomba adiada.

O presidente de Vox, Santiago Abascal.
O presidente de Vox, Santiago Abascal. | Fonte: Ricardo Rubio - Europa Press.

Velaí que Casado deixase de pór os marcos que sinalou no outono de 2020 con Vox (canda o debate da moción de censura que presentaron os extremistas) e organizase unha convención itinerante para lle comunicar ao electorado que o PP de hoxendía afástase do centro político e achégase á extrema dereita de Vox, dotándose dun discurso supremacista español e duns valores propios da guerra cultural do trumpismo USA. Neste contexto, Vargas Llosa manifestou que o importante non é votar en liberdade, senon “votar ben” e Aznar dixo que España non é “nin plurinacional, nin multinivel nin a nai que a pariu”, amosando que o seu son os valores do pluralismo político e territorial e o xorne liberal e democrático. Mentres, Vidal-Quadras certificaba o fracaso do Estado autonómico e máis a necesidade dunha remuda institucional na gobernanza territorial do Estado.

O problema é que estas diagnoses enchoupan as estruturas do Deep State (altos cargos militares, policiais e dos corpos de elite da Administración do Estado, directivos do Ibex 35 e das media madrileñas, opinadores da capital do Estado) e reforzan as tendencias recentralizadoras no político e no económico, ameazando directamente calquera política a prol do autogoberno e do desenvolvemento social e económico de Galicia e do benestar e calidade de vida da cidadanía galega.

Nestas circunstancias…que pensan Núñez Feijóo e o PPdeG desta enxurrada extremista, supremacista e autoritaria? Como cren que incidirá este binomio PP-Vox no futuro de Galicia? Que grao de adhesión e comprensión manteñen cun partido, o PP,  botado ao monte do extremismo e do supremacismo? 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.