Galicia recibirá 3.150 millóns de fondos de cohesión ata 2027 e 111 millóns polo peche de térmicas

Supón a segunda maior partida entre comunidades, só por detrás de Andalucía.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 04/10/2021 | Actualizada ás 13:20

Comparte esta noticia

Galicia recibirá 3.150 millóns de euros de fondos de cohesión para o período 2021-2027, ao que se suman 111 millóns para unha transición xusta polo peche de centrais térmicas.
Estes 3.150 millóns --que se corresponden co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e o Fondo Social Europeo Plus (FSE+)-- supoñen un incremento do 8,1% respecto ao anterior marco financeiro.

Deste xeito, Galicia é a segunda comunidade que máis fondos percibe, só por detrás de Andalucía (12.170 millóns), nun cómputo global de 34.693 millóns de fondos de cohesión para as comunidades (+13,2%), segundo datos do Ministerio de Facenda. O delegado do Goberno, José Miñones, celebrou esta partida, xa que destaca que suporá avanzar na cohesión social, económica e territorial de Galicia.

A través do Feder fináncianse actuacións dirixidas a reducir as disparidades entre os niveis de desenvolvemento das distintas rexións da UE e a reducir o atraso das zonas menos favorecidas. O FSE+, persegue o obxectivo de apoiar aos Estados e rexións para alcanzar elevados niveis de emprego, unha protección social xusta e unha man de obra capacitada e resiliente.

A execución destes fondos xestionarase, ben directamente pola Xunta ou ben pola Administración Xeral do Estado, a través de programas plurirrexionais. O delegado lembrou, ademais, que a Xunta conta cunha certa flexibilidade, pois pode facer uso do establecido na normativa europea que permite a transferencia de recursos entre un e outro fondo ata un determinado límite.

FONDO PARA O PECHE DE TÉRMICAS

Por outra banda, o Goberno tamén reparte 868,7 millóns do novo Fondo de Transición Xusta que beneficia a oito provincias: A Coruña, Asturias, León, Palencia, Teruel, Almería, Córdoba e Cádiz. Deste xeito, a provincia da Coruña recibirá 111 millóns para investimentos e axudas nas áreas afectadas polo peche das centrais térmicas das Pontes e Meirama.

A distribución dos recursos deste novo fondo realizouse polo Instituto para a Transición Xusta con base no volume de emisións, emprego en minaría e peso do emprego industrial.

Corte ao acceso á central térmica.
Corte ao acceso á central térmica. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta