Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 29/09/2021 | Actualizada ás 19:30
O grupo confederal de Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común rexistrou unha pregunta no Congreso, asinada polos deputados Juan López de Uralde e Antón Gómez Reino, relativa á participación do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) no proxecto europeo 'Vector'.
Segundo denuncia Gómez Reino, este proxecto busca "invalidar a oposición cidadá a proxectos mineiros destrutivos para o territorio galego e a mobilización social que conseguiu parar os pés a empresas mineiras e á Xunta de Galicia". Pon como exemplo o sucedido en Corcoesto, Touro e Cova Eirós, entre outros.
Unha das liñas de traballo de 'Vector' baséase en desenvolver ferramentas a través de intelixencia artificial, materiais "educativos" para escolas ou simuladores virtuais para obter aceptación social de novos proxectos mineiros.
"Este proxecto é a continuación dun anterior no que xa participaba a empresa encargada dos proxectos mineiros de Touro en Galicia e Riotinto en Huelva, Atalaya Mining", sostén Unidas Podemos.
Apunta que o programa actual inclúe a Galicia como un dos tres lugares de proba, onde levará a cabo un estudo de opinión acerca das percepcións públicas da minaría para reverter a falta de apoio social a esta industria a partir da mobilización e para buscar a correlación cos intereses das entidades mineiras sobre a extracción de metais.
Por iso, carga contra unha "preocupante instrumentalización" do CSIC "en contra da cidadanía activa que tan importante resulta como contrapoder ante os excesos" das mineiras e "os casos de omisións sistemáticas e corrupción que se deron en determinadas administracións".
Os deputados instan o Ministerio para a Transición Ecolóxica a retirar ao CSIC da participación do proxecto 'Vector' e a establecer medidas para que organismos públicos non volvan participar en proxectos destas características.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.