Lores recrimina a Feijóo falar dunha segunda pasteira cando "non hai alternativa" para Ence na ría de Pontevedra

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores lamentou este luns as "contradicións absolutamente flagrantes" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tras abrir a porta a unha segunda pasteira á comunidade mentres defende "que non hai alternativa de localización ao traslado" da fábrica de Ence de Lourizán.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/09/2021 | Actualizada ás 16:45

Comparte esta noticia

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores lamentou este luns as "contradicións absolutamente flagrantes" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tras abrir a porta a unha segunda pasteira á comunidade mentres defende "que non hai alternativa de localización ao traslado" da fábrica de Ence de Lourizán.

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta do pasado xoves 9 de setembro, Núñez Feijóo defendeu esta posibilidade. "Se vén outra pasteira, que sexa Ence ou doutra marca, que queira pór unha instalación en Galicia nós imos abrir as portas", sinalou

Estas declaracións do titular do Executivo galego tamén foron criticadas este luns polos propios traballadores de Ence. A presidenta do Comité de Oficinas da fábrica, Ana Cedeira, replicou que "se hai outro sitio para outra pasteira, que o poñan encima da mesa, e que digan onde está".

Para o alcalde de Pontevedra resulta "absolutamente alucinante" que por parte da Xunta, "ao mesmo tempo, dígase unha cousa e a outra" e preguntou "se queren tomar por parvos aos cidadáns". Lores insistiu en que "non é serio nin responsable" por parte de Feijóo, ao que acusou de "manipular á cidadanía cunhas declaracións que son absolutamente fraudulentas".

O rexedor nacionalista lembrou que o Goberno autonómico "ten todas as competencias para buscar alternativas" para un emprazamento á fábrica de celulosas da Ría "e está a facer abandono de funcións, sabendo que se tiña que ir no 2018". Por iso reprochou a "inoperancia" da Xunta neste aspecto, "pola súa incapacidade manifesta, empezando polo conselleiro e seguindo polo presidente".

Lores destacou que, se o concello tivese as competencias en industria e ordenación do territorio, sería capaz "non de manter os cincocentos postos de traballo da empresa, senón de crear eses 5.000" no Concello "que di Ence que ten". "O PP está a defender os intereses da empresa e non os intereses xerais da cidadanía, como debería facer unha forza política que está no goberno", afirmou Lores.

TRABALLADORES

Pola súa banda, a presidenta do Comité de Oficinas da fábrica, Ana Cedeira, lembrou que o pasado venres na reunión da mesa de traballo "o conselleiro de industria dixo que non había localización alternativa e agora di Feijóo que pode haber dúas".

Tamén destacou que "o alcalde Lores di que hai localización pero que el non vai dicir onde porque non é competencia súa", mentres que o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán "dubida moito de que, como di a empresa", non haxa "localización alternativa para facer unha fábrica nova, pero tampouco di onde".

"Pois que todos sexan consecuentes, responsables, fagan os seus deberes e poñan encima da mesa" esa alternativa para o traslado, sentenciou Ana Cedeira.

Fábrica de Ence Celulosa en Pontevedra
Fábrica de Ence Celulosa en Pontevedra | Fonte: Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta