Por Galicia Confidencial | Cabanas | 09/09/2021 | Actualizada ás 21:00
“A recuperación da memoria histórica democrática é un acto de xustiza social cos que quixeron construír un pais en liberdade, pero tamén unha mostra de que somos unha sociedade que quere resolver as súas débedas históricas dende o diálogo e a práctica democrática”. Así se puxo de manifesto no acto celebrado esta mañá no salón de plenos da Casa do Concello de Cabanas durante a constitución do grupo "Constantino López e Pedro Rico" para traballar pola Memoria História.
O alcalde Carlos Ladra e o tenente de alcalde Iago Varela saudaron aos familiares de Constantino López Marcos e Pedro Rico Rodeiro e recibiron un listado provisional das vítimas da ditadura en Cabanas. Nos vindeiros meses traballarase na búsqueda de máis persoas que sexan susceptíbeis de incorporar a esa lista.
"Gústame saber de onde veño para saber a onde vou”, afirmou Constantino Rico,residente en Francia e neto de Pedro Rico Rodeiro. Os familiares de Pedro Rico e de Constantino López Marcos recibiron un diploma conmemorativo -elaborado de xeito desinteresado no laboratorio de creación artística Laudas Calamity- de mans do primeiro mandatario da localidade.
Pola súa banda, a profesora Anxos Garcia Fonte trasladou ás persoas participantes un sentido relato persoal da represión despois da guerra. O acto finalizou coa interpretación por parte do músico Roger de Flor da canción “Notas necrolóxicas” elaborada a partir dun poema de Celso Emilio Ferreiro.
Os corpos de Constantino e Pedro apareceron nun lugar de Soaserra en Cabanas en decembro de 1947. Foran detidos nos seus domicilios en xullo dese ano e levados a un lugar das Fragas do Eume onde padeceron tortura ata a morte. Querían que confesaran os lugares onde se agochaban os guerrilleiros antifranquistas
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.