Morre unha muller atropelada en Vila de Cruces

Os servizos sanitarios non puideron facer nada por salvarlle a vida.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/08/2021 | Actualizada ás 14:23

Comparte esta noticia

Unha muller faleceu na mañá deste luns tras ser atropelada por un turismo despois de que este chocase cun camión na estrada PO-905, no concello de Vila de Cruces.

Servizo de emerxencias 112
Servizo de emerxencias 112 | Fonte: EP.

O 112 Galicia recibiu a chamada dun particular implicado no accidente que informou do ocorrido e indicou que unha muller estaba ferida. Neses momentos, o alertante xa afirmaba que a persoa estaba a ser atendida, no punto, por persoal sanitario do centro de saúde da vila.

O Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 comunicou a saída cara ao lugar do helicóptero medicalizado con base en Santiago. Tras ter coñecemento desta información, os xestores do 112 Galicia deron aviso á Garda Civil de Tráfico, a Protección Civil de Vila de Cruces, ao GES e ao Servizo de Emerxencias de Lalín.

Tamén foron informados os Bombeiros de O Deza por se fose necesaria a súa intervención. Os servizos sanitarios que atenderon á muller no punto non puideron facer nada por salvarlle a vida.

Segundo confirmaron os membros de Protección Civil ao 112 Galicia, a colisión entre o camión e o vehículo fixo que este último, debido ao impacto, se desprazase cara atrás atropelando á muller.

Ademais, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia tamén solicitou a intervención do servizo de mantemento de estradas para realizar a limpeza da vía e garantir así as condicións de seguridade da mesma.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta