"Só consumindo produtos galegos se manifesta un galeguismo transformador"

O Foro Enrique Peinador insta a sindicatos e asociacións a incentivar o consumo de produtos galegos e etiquetados en lingua galega.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/07/2021 | Actualizada ás 09:30

Comparte esta noticia

Conforme se achega de novo o Día de Galicia volven xudir, xunto coas celebracións, os múltiples debates arredor do galeguismo e as formas nas que este se manifesta; tanto a nivel político como na vida diaria e as cousas do común. A derradeira contribución a esta cuestión pública xorde do Foro Enrique Peinador, cuxo presidente, Xosé González, vén de enviar unha misiva a sindicatos e formacións políticas para incentivar o consumo de produtos galegos.

Queixos de Tetilla
Queixos de Tetilla | Fonte: Origen España

O número un da asociación lanza esta carta a aquelas asociacións, partidos e formacións sindicais das que se agarda algún tipo de celebración ou encontro de cara ao Día de Galicia; sempre e cando as circunstancias sanitarias o permitan. Galicia leva dende a penúltima semana de xuño nunha espiral de contaxios que, nas últimas xornadas, vén de tornar exponencial. Con todo, as derradeiras restricións apuntadas pola Xunta atinxen só ao consumo en bares, e non se agarda, polo momento, unha nova limitación ás reunións de persoas non conviventes. 

En calquera caso, o presidente do Foro Enrique Peinador insta a aproveitar as tribunas deste 25 de xullo para demandar aos asistentes “de maneira expresa, clara e contundente”, que nas súas opcións de compra consuman produtos galegos etiquetados e etiquetados en galego. “Só desta maneira os consumidores manifestarán un galeguismo transformador e decisivo para que a nosa economía e a nosa lingua pervivan nunha alianza duradeira”, aseguran dende a asociación.

CASTELAO

González invoca tamén a Castelao para sinalar ata que punto a vida económica se atopa nunha intricada relación co concepto de nación; xa que esta, a ollos do de Rianxo, vén definida polo conxunto do “idioma, territorio, e vida económica propia, amais dos hábitos reflectidos nunha comunidade de cultura”, segundo apunta na misiva.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta