Dous departamentos da Xunta gastan 1,5 millóns en promocionar case o mesmo, produtos galegos

Pesca destina 172.000 euros para que os "millennials" consuman peixe de piscifactoria. Nas últimas semana, o Goberno galego leva gastados xa 5,3 millóns noutras dúas campañas para encher de diñeiro aos grandes medios a base de propaganda institucional.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/06/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia volve destinar case 1,5 millóns de euros noutras campañas publicitarias para, neste caso, promocionar o consumo de produtos galegos coa curiosidade que o fará a través de dous organismos diferetnes; a Consellería do Medio Rural e a Axencia de Calidade Alimentaria. Un diñeiro que se suma aos 4 millóns da Vicepresidencia Segunda e aos 1,3 de Medio Rural para campañas de concienciación contra o lume.

Campaña de publicidade e propaganda da Xunta no xornal La Voz de Galicia
Campaña de publicidade e propaganda da Xunta no xornal La Voz de Galicia

Trátase, novamente de concursos cos que destinar inxentes cantidades de diñeiro público aos medios e comunicación tradicionais de Galicia, sendo La Voz de Galicia o medio que recibe case a metade deste tipo de subvencións encubertas.

A Axencia de Calidade Alimentaria destinará 700.000 euros para o desenvolvemento dunha campaña de publicidade para a promoción dos produtos galegos con denominación de calidade, mentres que Medio Rural  sufragará 629.960,78 €  para a promoción do leite galego en 2021 e 2022. Por outra banda, a Consellería de Pesca, gastará 172.000 euros para a promoción dos produtos procedentes da pesca e da acuicultura entre a poboación xuvenil no 2021 e 2022.

DOUS ORGANISMOS DIFERENTES PARA PROMOCIONAR CASE O MESMO

Chama a atención que sexan dous organismos diferentes, a Consellería do Medio Rural, e a Axencia de Calidade Alimentaria, as que gasten diñeiro en publicidade para promocionar case o mesmo, produtos galegos, e utilizando, case a mesma argumentación.

Así, a Axencia de Calidade Alimentria xustifica a necesidade de gastar en propaganda para promocionar as 36 denominacións de orixe e indicacións xeográficas no ámbito agroalimentario e tamén "as producións derivadas das razas autóctonas de Galicia, o selo Galega 100% que ampara o leite galego e as producións ecolóxicas certificadas na nosa comunidade autónoma".

Curiosamente, a campaña de Medio Rural é tamén para "promocionar" o leite galego a través da marca "leite 100% galego" xa que "contribúe a poñer en valor este produto nos mercados" e serve, segundo esta consellería para "potenciar, promocionar e consolidar a produción agrogandeira galega a nivel nacional e internacional".

"MILLENNIALS"

Pola súa banda, Pesca xustifica o gasto de 171.699,00 € para que os "millennials" consuman produtos de piscifactoria e "propiciar un achegamento entre estes produtos e un colectivo que se atopa nun momento vital (estudios superiores, emancipación, incorporación ao mercado laboral,...) no que se ven obrigados a facer a compra, ter contacto cos fogóns e deixar de comer no fogar familiar".

 

"Queremos amosarlles a mercar peixe, a explicarlles a súa procedencia, a orientalos no prezo e rematar co descoñecemento que poidan ter á hora de mercalo. Que sexan conscientes de que o peixe non morde, alimenta. De igual modo, búscase promocionar as propiedades nutricionais tan favorables que ten o consumo destes produtos entre un  segmento da poboación que comeza a estar especialmente concienciado cunha nutrición equilibrada e sa", recolle o prego do concurso. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta