Convocan os premios de excelencia para as mellores cualificacións de grao universitario

Poderán acceder ao galardón, dotado con 1.000 euros, os estudantes de cada ano a excepción do último, que contan cun premio específico.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 08/06/2021 | Actualizada ás 13:49

Comparte esta noticia

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade publicou este martes no Diario Oficial de Galicia (DOG) os premios de excelencia académica para alumnos de grao universitario que obtivesen as mellores cualificacións no curso 2019/20.

Está dirixido aos alumnos de cada un dos cursos de graos oficiais do Sistema Universitario de Galicia (SUG), fóra dos de último ano, que contan cun galardón específico --os Premios Fin de Carreira--. No caso da simultaneidade de graos, o premio esténdese ata o penúltimo curso.

O orzamento total desta convocatoria é de 518.000 euros, de modo que cada premiado recibirá unha dotación de 1.000 euros e un diploma acreditativo. En caso de non esgotarse o crédito existente, o restante repartirase en contías de 500 entre os galardoados cunha nota igual ou superior ao 9.

Segundo establecen as bases da convocatoria, serán as universidades as que seleccionen os expedientes académicos das persoas que obtivesen a maior nota media sempre que superen aos 8 puntos. Ademais, deben aprobar a totalidade dos créditos matriculados: como mínimo, 60 en caso de graos oficiais e 72 en simultaneidade de graos.

A Xunta concederá un premio por cada titulación oficial de grao en cada un dos centros nos que se imparta. Con esta convocatoria, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade busca "recoñecer o esforzo dos estudantes universitarios galegos", o que "redunda nunha mellora da calidade para o conxunto do sistema".

Alumnado da Facultade de Comunicación volve ás aulas. Arquivo
Alumnado da Facultade de Comunicación volve ás aulas. Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta