A crise da covid-19 golpeou máis o sector marisqueiro có pesqueiro

Datos achegados por investigadores da Universidade de Vigo mostran que ambos os sectores sufriron unha importante diminución das capturas, ingresos e prezo medio por quilo nas lonxas galegas. No medio desta crise, Xunta e Estado manteñen un conflito polo recurso presentado polo Goberno central contra a orde pola que se aprobou o plan xeral de explotación marisqueira para 2021-2023.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/06/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A crise derivada da pandemia de covid-19 tivo peores consecuencias para o sector marisqueiro que para o pesqueiro, aínda que ambos os dous sufriron unha importante diminución das capturas, ingresos e prezo medio (euros/kg) na primeira venda de peixe e marisco nas lonxas galegas durante o ano 2020.

Tempada da pesca da anchoa no Cantábrico
Tempada da pesca da anchoa no Cantábrico | Fonte: H.Bilbao - Europa Press.

Investigadores do grupo ECOBAS (Economics and Business Administration for Society) da Universidade de Vigo analizaron as consecuencias da crise económica derivada da covid-19 nos sectores pesqueiro e marisqueiro de Galicia, establecendo tres períodos de estudo: o primeiro estado de alarma, que implica o confinamento da poboación e a paralización das actividades non esenciais (14 de marzo - 15 de xuño), o período de "nova normalidade" sen restricións a ningún sos sectores produtivos (16 de xuño - 6 de novembro) e, finalmente, un período de movemento reducido da poboación e o peche da canle HORECA [acrónimo de hoteis, restaurantes e cafetarías, e que supón unha das principais canles de distribución da produción pesqueira e marisqueira en Galicia] nos concellos con maior incidencia de covid-19 e limitación de capacidade e horarios nos restantes concellos (7 de novembro - 3 de decembro).

Os economistas tiveron en conta, ademais, a “alta variabilidade causada por unha multiplicidade de factores (biolóxicos, climáticos ou institucionais) que non se poden ignorar na avaliación dos efectos da covid-19” sobre os sectores pesqueiro e marisqueiro.

“Os resultados amosan unha diminución das capturas, ingresos e prezo medio (euros/kg) na primeira venda de produtos de peixe e marisco galegos" ao longo de 2020

Os investigadores constataron que “os sectores da pesca e marisqueo en Galicia se viron afectados de xeito importante debido ás medidas adoptadas para frear a pandemia”.

Mariscadoras na praia de Lourido (Pontevedra)
Mariscadoras na praia de Lourido (Pontevedra) | Fonte: Xunta de Galicia.

En particular, apuntan que “o peche da canle HORECA e o confinamento da poboación afectaron negativamente á produción de peixe e marisco frescos”.

“Os resultados amosan unha diminución das capturas, ingresos e prezo medio (euros/kg) na primeira venda de produtos de peixe e marisco galegos nos tres períodos de estudo, cun nivel de incidencia que varía entre fases, especies, segmentos de flota e sectores”, introducen os autores do estudo.

Cada unha das tres etapas de estudo analizadas presenta “algunhas características diferenciais que determinan un rendemento diverso para os sectores pesqueiro e marisqueiro”. Así, destacan que “aínda que nas dúas primeiras etapas o sector do marisqueo sufriu unha maior caída de volume e facturación que o sector pesqueiro, no terceiro período esta tendencia inverteuse debido á época de Nadal”, clarifican, pois é cando repunta o consumo de mariscos.

OS PRODUTOS DE MAIOR VALOR E A PESCA A PEQUENA ESCALA, OS MÁIS AFECTADOS

Os analistas destacan en primeiro lugar os efectos directos da pandemia no peche da hostalería, que “actuou como freo á comercialización de produtos de maior valor”, e os peches fronteirizos, que “supuxeron a interrupción das exportacións e importacións de todo tipo de produtos do mar”.

"A maior incidencia de COVID-19 obsérvase nos produtos de pesca e marisqueo incluídos no cuartil co prezo medio máis alto"

En segundo lugar, sinalan que existiron “efectos indirectos da pandemia sobre as preferencias dos consumidores”, que aumentaron a compra de produtos conxelados ou enlatados durante o período de confinamento. Pero tamén observaron efectos indirectos nos sectores pesqueiro e marisqueiro, que adaptaron as súas estratexias . para paliar os efectos económicos causados pola pandemia.

“A maior incidencia de COVID-19 obsérvase nos produtos de pesca e marisqueo incluídos no cuartil co prezo medio máis alto, que son os máis comercializados a través da canle HORECA. Polo tanto, o seu peche tivo un forte impacto nestes produtos na primeira e terceira fase do estudo”, describen os autores do estudo.

Mentres, o período de nova normalidade (16 de xuño - 6 de novembro) “supuxo unha recuperación parcial dos sectores pesqueiro e marisqueiro, pero sen acadar o mesmo comportamento de anos anteriores”, completan.

O segmento máis afectado nos tres períodos analizados “foi a frota pesqueira a pequena escala, que captura mariscos (cun ​​prezo medio máis alto que o peixe), en proporción moito maior que a frota de altura, que na súa maioría desembarca peixe fresco”. Por outra banda, salientan que “a frota pesqueira a grande escala, que desembarca exclusivamente produtos conxelados, apenas se viu directamente afectada pola pandemia”.

IMPACTO DURANTE O PRIMEIRO ESTADO DE ALARMA

Durante o primeiro estado de alarma, os desembarques de peixe e marisco diminuíron o seu volume un 19,49%, os ingresos por primeira venda caeron 26,63% e o prezo medio da súa primeira venda reduciuse un 8,87%, en comparación coa media do período 2015-2019, período que se incluíu no estudo para comparar o impacto da crise da covid-19 coa situación anterior.

“O impacto económico da pandemia nos sectores pesqueiro e marisqueiro de Galicia nin sequera se viu atenuado pola forte caída do prezo do petróleo"

Os responsables do estudo lembran que a Xunta de Galicia estimou que as perdas económicas durante esta fase foron de 25 millóns de euros no primeiro nivel de venda, uns 60 millóns de euros pola falta de actividade e máis de 500 millóns de euros para toda a industria do mar.

“O impacto económico da pandemia nos sectores pesqueiro e marisqueiro de Galicia nin sequera se viu atenuado pola forte caída do prezo do petróleo, que afecta directamente o prezo do combustible. Ata setembro de 2020, o seu prezo baixou un 30% en comparación co mesmo período de 2019”, apuntan os economistas.

Nesta fase, recordan, “pechouse a canle HORECA, afectando negativamente á comercialización de especies de peixes e mariscos”. E “o dano foi aínda máis grave nos produtos de maior valor, que preferentemente son comercializados por esta canle”, engaden, diminuíndo a demanda deste tipo de produtos durante estes eses meses.

Pola contra, apuntan que “a demanda de produtos máis accesibles, tradicionalmente cunha maior porcentaxe de vendas para o consumo interno, sufriu unha menor diminución”.

Os analistas explican que outra consecuencia do peche da canle HORECA foi a redución temporal da actividade nos sectores pesqueiro e marisqueiro. Para paliar as consecuencias negativas, lembran que o Goberno central aprobou unha serie de axudas nos casos de redución do 75% ou máis dos ingresos. Nesta primeira fase presentáronse en Galicia 3.266 solicitudes, sendo o sector do marisqueo “o máis afectado, con 2.454 solicitudes, case triplicando o número para o sector pesqueiro”, resaltan.

O estudo tamén destaca que a pesca a pequena escala e a de altura tiveron “un peor rendemento” que a pesca a grande escala”, o cal se explica polo feito de que os primeiros “desembarcan peixe fresco”, mentres que os segundos descargan “peixe conxelado que non é preciso comercializar de inmediato”, explican os analistas.

Así, os datos mostran que a produción de peixe conxelado aumentou un 24% e os seus ingresos, un 28% en comparación con 2019, mentres que na pesca a pequena escala a actividade se reduciu pola diminución da demanda de peixe fresco. E isto, engaden, deu como resultado unha caída dos prezos nos portos con buques de pesca a pequena escala.

Oito das dez principais especies capturadas pola frota galega diminuíron tanto no volume de capturas como nos ingresos reportados durante o primeiro estado de alarma

En canto ás especies, entre as dez principais capturadas pola frota galega nesta primeira etapa da pandemia, oito diminuíron tanto no volume de capturas como nos ingresos reportados. Os autores do estudo sinalan os descensos máis pronunciados para a xarda pintada e a boga. Unha caída que os expertos atribúen “en boa medida á bioloxía destas especies, que foron menos abundantes este ano”.

Pola contra, a sardiña “aumentou considerablemente o volume de capturas”, o cal se explica porque “a cota compartida hispano-portuguesa aumentou un 76,9% con respecto a 2019”, expoñen.

Outra especie que tamén destacan polo aumento do seu volume de capturas, aínda que en menor medida que a sardiña, é a xarda (diferente da pintada). A razón indican que é o aumento do 71% da cota de pesca en comparación con 2019. Así, “aínda que nesta fase houbo un lixeiro aumento do volume de capturas en relación á campaña anterior, o forte aumento das capturas desta especie pospúxose á terceira fase deste estudo xa que, á vista da caída dos prezos de mercado, os armadores reduciron o límite diario de capturas ata a tempada de Nadal”, clarifican.

No sector marisqueiro, as capturas sufriron unha “redución moito maior que as de peixe durante o confinamento”, pola paralización da actividade da canle HORECA, que “é a principal canle de venda de produtos marisqueiros”, subliñan os economistas.

E como consecuencia da forte caída da demanda, os prezos dos mariscos caeron un 96% no primeiro mes do estado de alarma, segundo os datos recollidos. Tan só nos mariscos destinados á industria conserveira –cuxa demanda non diminuíu– aumentou o prezo medio por quilo.

“Ante este panorama, a maioría dos mariscadores optaron por non continuar coa súa actividade e as súas distintas asociacións propuxeron ao Goberno declarar o cesamento obrigatorio da súa actividade para poder beneficiarse das axudas gobernamentais COVID-19”. De feito, ata xuño de 2020 a produción de conservas en España aumentou un 15% e a súa facturación un 16% en comparación con 2019, segundo datos do propio sector.

Nestes primeiros meses de pandemia, só unha das dez principais especies de marisco aumentou en volume de capturas e ingreso, a lura, que “actualmente experimenta unha gran variabilidade na súa abundancia”, apuntan os autores do estudo.

“As nove especies restantes sufriron fortes descensos con respecto ao período 2015-2019, tanto pola parálise do sector marisqueiro tras o peche da canle HORECA, como por outros factores biofísicos que explican as diferenzas entre especies”, aportan os investigadores. Entres eses “factores biofísicos” inclúen o meteorolóxico, pois “as fortes precipitacións no inverno de 2020 produciron unha caída significativa do nivel de salinidade da auga que afectou principalmente os bivalvos, especialmente a ameixa babosa e o berberecho”, especifican.

IMPACTO DURANTE A PRIMEIRA “NOVA NORMALIDADE”

Co fin do estado de alarma en xuño de 2020, etapa que se coñeceu como “nova normalidade”, previa á segunda onda de covid-19, o total de desembarcos de peixe e marisco caeu un 16,15% en volume e un 13,99% en ingresos por primeiras vendas con respecto á media para o períódo 2015-2019. E o prezo medio da primeira venda aumentou un 2,57%, segundo datos recollidos neste estudo.

Foron malos datos, pero mellores que os rexistrados durante a primeira fase da pandemia. Esta leve mellora produciuse grazas, en parte, á apertura da canle HORECA. Os datos indican que á vez que aumentaron as porcentaxes nas capturas e ingresos das especies de maior prezo, houbo unha diminución dos prezos medios por quilo, o “que contrasta coa redución de capturas e ingresos na maioría dos outros cuartís”. Con todo, observan que “o efecto da reapertura da hostalería foi inferior ao agardado como consecuencia das restricións parciais de capacidade dos establecementos de restauración e do menor nivel de asistencia”.

No sector marisqueiro, malia a reapertura da hostalería tras o primeiro estado de alarma, o seu rendemento estivo “moi por debaixo do de anos anteriores”

No estudo saliéntase o feito de que malia que as capturas de sardiña creceron en 2020 debido ao aumento da cota conxunta con Portugal, neste segundo período da pandemia se produciu unha “notable caída da facturación e unha diminución aínda maior do prezo medio por quilo” desta especie en comparación co período 2015-2019. Isto explícase porque a covid-19 “obrigou a cancelar todas as festas santorais asociadas ao pico máis alto do consumo anual de sardiñas”, esclarecen os expertos.

Os datos que consideran “máis rechamantes” deste período son os da anchoa, que triplicou o volume de capturas por “dous factores principais”. O primeiro, indican, é o “factor biolóxico, xa que a súa biomasa aumentou un 44% con respecto a 2019”, mengres que o segundo é “un factor de mercado”, pois “o descenso da demanda, provocado polo peche da canle HORECA, provocou que o sector pesqueiro cantábrico reducise as capturas para evitar unha gran baixada no prezo da especie”.

Así, mentres que en xuño de 2019 xa se capturara o 80% da cota de anchoa fixada, no mesmo período de 2020 reduciuse a menos do 60%. “Dado que a anchoa europea é unha especie cuxa migración ten lugar de leste ao oeste no mar Cantábrico, isto fixo que a frota galega puidese capturar máis anchoa”, explican.

E engaden: “Ademais, o gran aumento das capturas de anchoa en Galicia provocou unha diminución do 35% do prezo medio por quilo na primeira venda. A maior parte da produción europea de anchoa destínase á industria conserveira, que require exemplares de gran tamaño. Non obstante, o pequeno tamaño dos exemplares capturados non era válido, na maioría dos casos, para abastecer a industria conserveira estatal. A alternativa era exportar as capturas excedentes a Italia e Marrocos. Pero, debido á pandemia da covid-19, as fronteiras pecháronse e isto non foi posible. O aumento da oferta no mercado interior fixo baixar o prezo desta especie”.

Outra especie que mostrou unha mellora relativa nas toneladas capturadas na segunda fase da pandemia foi o xurelo atlántico, debido á aprobación, por parte da Comisión Europea, do aumento das cotas de pesca para España.

No sector marisqueiro, malia a reapertura da hostalería neste período, o seu rendemento estivo “moi por debaixo do de anos anteriores”, mellorando só dúas especies, a ameixa xaponesa e as luras.

Entre as especies que empeoraron os seus rexistros destacan o berberecho, pola diminución da cota de capturas, atribuíble á baixa demanda; o peche cauteral do banco de Noia por altos niveis de toxinas detectados, e os efectos da caída da salinidade causada polas choivas de inverno sobre a produción de berberechos, que se prolongou durante esta fase, como aconteceu coas amexias babosa e rubia, cuxa produción diminuíu máis dun 30%, segundo os datos recollidos no estudo.

No caso do polbo común, os datos sinalan que “a súa caída está en liña coa tendencia xeral do ano e continúa ao longo da terceira fase”.

IMPACTO DURANTE A SEGUNDA ONDA DE COVID-19

Nesta última fase, entre o 7 de novembro e o 3 de decembro de 2020, o total de desembarques de peixe e marisco caeu un 17,67% en volume e un 13,54% en ingresos en primeira venda con respecto á media 2015-2019. E o prezo medio na primeira venda aumentou un 5,02%.

Son mellores datos que na primeira fase da pandemia e semellantes aos do período intermedio no que respecta ás capturas e ingresos.

Neste período, “a diferenza do primeiro estado de alarma, o sector marisqueiro non parou a súa actividade”, explican os expertos, e o peche da canle HORECA durou menos tempo, xusto até antes do período de Nadal, clave para o sector.

No marisco produciuse, así, un “incremento notable en varias especies”, co aumento “máis salientable” na s, que en 2020 “case duplicou a súa produción en comparación co valor medio das capturas dos catro anos anteriores”.

Por outra banda, produciuse un aumento da produción de volandeira grazas a un “aumento dos permisos [temporais] para explotar esta especie”, dilucidan os economistas sobre este molusco “de alto prezo, comercializado principalmente pola canle HORECA”. Pero o peche da hostalaría “afectou gravemente a súa demanda, aumentando o seu stock un 20% en relación a 2019”, polo que “para non saturar o mercado, os mariscadores optaron por deixar de capturar este marisco e centrar a súa actividade nun bivalvo de menor prezo como a vieira”, detallan.

A centola tamén experimentou un “aumento significativo na produción e, en menor medida, nos ingresos”, cunha caída do seu prezo dun 12%. Segundo estes analistas, “o aumento do volume capturado corresponde a un probable aumento da súa biomasa tras a interrupción da produción durante o primeiro estado de alarma”.

A tempada do Nadal mellorou a precaria situación do sector marisqueiro, mentres que para o sector pesqueiro “non se notou o seu efecto"

Pola contra, o estudo sinala que as especies cunha maior diminución nas capturas foron as potas costeiras, o polbo e o berberecho. “As dúas primeiras especies seguiron a tendencia mantida ao longo do ano”, mentres que “o berberecho seguiu afectado pola presenza de toxinas”, o cal “obrigou a pechar os bancos de extracción de berberecho máis importantes [...] ata o 30 de decembro de 2020”, ademais de polas “fortes choivas do outono”, que “provocaron unha caída do nivel de salinidade da auga que elevou a taxa de mortalidade do berberecho”, e polo peche da hostalería, que “tivo un efecto negativo sobre a demanda desta especie”, describen.

Porén, para o sector pesqueiro “non se notou o efecto da tempada de Nadal. De feito, os datos sinalan que só dúas das dez primeiras especies de peixes aumentaron as capturas, e en ambos os casos, froito do aumento das cotas de capturas permitidas.

Na frota de grande altura, o peixe sapo foi “a especie que aumentou a súa cota, polos intercambios con Francia, Bélxica e Países Baixos”. “Non obstante, o novo peche da hostalería reduciu a demanda desta especie, o que provocou unha diminución do prezo e dos ingresos totais”, precísase no estudo.

No que atinxe á frota pesqueira a pequena escala, especifican que a xarda duplicou as descargas neste período, tras un incremento do 41% na cota española desta especie e por “un intercambio de cota cos Países Baixos” polo que “se obtiveron 1.700 toneladas máis para 2020.

Pola contra, detectouse unha “gran diminución do volume de capturas de xarda pintada con respecto á media dos catro anos anteriores”, o que se pode explicar pola súa “menor abundancia por causas biolóxicas, xa que é unha especie cun alta variabilidade”.

CONSELLOS

Para os autores do estudo, publicado na revista científica internacional Marine Pollution Bulletin, os seus resultados poden axudar aos responsables de tomar decisión sobre a pesca, demostrándose, din, a existencia dunha “alta variabilidade nos resultados (capturas, ingresos, prezo medio) para os diferentes sectores e especies durante a pandemia de covid-19”, o cal “amosa a necesidade dun manexo diferenciado para cada especie segundo as súas características específicas, xa que a incidencia da pandemia varía entre sectores e especies”.

Para os expertos, esta “complexidade” da realidade pesqueira “require flexibilidade nas medidas adoptadas e capacidade de resposta rápida” e piden “incluír ás partes interesadas no proceso de xestión, toma de decisións e deseño do marco institucional aplicado aos recursos naturais”, mediante unha “colaboración fluída e ininterrompida”.

CONFLITO CO ESTADO

Actualmente, a Xunta de Galicia, por medio da Consellería do Mar, liderada por Rosa Quintana, mantén un conflito co Goberno central logo de que o Ministerio de Transición Ecolóxica, encabezado por Teresa Ribera, presentase un recurso contencioso administrativo contra a orde de decembro do ano pasado pola que se aprobou o plan xeral de explotación marisqueira para o trienio 2021-2023.

Quintana, cargou recentemente contra “unha postura máis da señora Teresa Ribera, que vén acreditando unha actitude moi belixerante para un sector tan importante para Galicia como o marítimo pesqueiro".

En resposta, fontes do Ministerio de Transición Ecolóxica apuntaron que o a ministra “comprende a lóxica preocupación que se puido xerar no colectivo de mariscadores”, pero incide en que dita inquietude "non se pode achacar a quen cumpre e pide que se cumpra a normativa vixente, senón á parte que claramente incumpre e ademais persiste niso".

As confrarías galegas acusan o Ministerio de non estar a favorecer o desenvolvemento social e económico de Galicia

Pola súa banda, a Federación Galega de Confrarías expresou a súa “sorpresa” ante o que considera “unha nova inxerencia desde Madrid” contra a organización do marisqueo en Galicia.

Neste sentido, mostraron a súa “incredulidade” e culparon o Ministerio de non estar a favorecer o desenvolvemento social e económico de Galicia, “desatendendo peticións lexítimas como a modificación da lei de costas e agora pondo en dúbida a exemplar xestión dos recursos marisqueiros en Galicia”.

O Ministerio para a Transición Ecolóxica defende que “non hai inxerencia” en competencias autonómicas co recurso contencioso-administrativo do Executivo estatal contra o plan galego de explotación marisqueira 2021-2023, “senón incumprimento por parte da Consellería do Mar dos trámites previstos na lexislación autonómica e estatal, mesmo tras requirirlles expresamente a fin de evitar a impugnación xudicial”.

O Goberno central requiriu da Xunta que derrogase o plan por aprobarse sen contar co preceptivo informe do Ministerio, tal e como prevén os artigos 112 da Lei de Costas e 30 da Lei de Pesca de Galicia, segundo expón.

Deste xeito, lamenou que a Xunta rexeitou este requirimento –en escrito de data 15 de marzo de 2021–, o que derivou na interposición dun recurso autorizado pola Avogacía do Estado.

“A Xunta está obrigada a cumprir coa lexislación vixente, estatal e autonómica, con todo, non pediu o informe con carácter previo, nin tampouco emendou a súa carencia tras requirírselle nese sentido”, afirmouse desde este departamento estatal.

“Por ese motivo interpúxose o recurso contencioso administrativo. Recurso que se, como sostén a Xunta, se carecese de fundamento non sería autorizado pola Avogacía do Estado”, engadiu.

Igualmente, o Ministerio para a Transición Ecolóxica di comprender "a lóxica preocupación que se puido xerar no colectivo de mariscadores". "Pero esta inquietude non se pode achacar a quen cumpre e pide que se cumpra a normativa vixente, senón á parte que claramente incumpre e ademais persiste niso", deixa claro.

Pola súa banda, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, espera que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) dea a razón á Xunta ante o recurso contencioso administrativo que presentou o Ministerio.

Mariscadores traballando
Mariscadores traballando | Fonte: Xunta de Galicia.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta