Turismo cultural e divertido para 'pequenos exploradores'

A área de Turismo do Concello de Allariz presenta unha orixinal iniciativa para que cativas e cativos que visitan a vila coñezan os seus segredos a través dun mapa de pistas.

Por X.M. Fernández | Allariz | 31/03/2021 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Para facer máis divertidas as visitas culturais familiares o Concello de Allariz vén de presentar un itinerario turístico pensando nos máis pequenos da casa. O mapa do percorrido cultural, con atractivas ilustracións, servirá de guía activa conseguindo que os nenos e nenas interactuen co patrimonio ao mesmo tempo que aprenden e gozan da visita.

Presentación do mapa e do diploma. Foto: Prensa Concello de Allariz
Presentación do mapa e do diploma. Foto: Prensa Concello de Allariz

O concello lanza este itinerario turístico para coñecer os segredos de Allariz mediante a resolución de pequenas preguntas coa axuda de pistas, e se son quen de resolver todas as cuestións, na Oficina de Turismo de Allariz poderán solicitar o seu diploma de Guía Oficial de Allariz personalizado.

María López, Concelleira de Promoción Económica, Comercio e Turismo de Allariz explicaba que “a idea coa que naceu este proxecto, foi a de crear un produto turístico, educativo e cultural que mostre unha visión da historia de Allariz e os seus feitos máis importantes”.

O AUTOR DAS ILUSTRACIÓNS DO MAPA E DO DIPLOMA

As ilustracións do percorrido e do diploma son obra de Daniel Jiménez Macias, alumno do Grao Superior de Ilustración da EASD Antonio Faílde de Ourense, que colaborou co Concello de Allariz logo dunha proposta da administración local ao Centro Educativo para este fin.

Daniel chegou á ilustración dunha forma casual aínda que, como di el, sempre debuxou. Despois de formarse en Ourense comezou a debuxar profesionalmente.

O ilustrador representou os puntos máis característicos dunha forma atractiva e divertida para que as crianzas que se acheguen a Allariz coñezan con maior interese o patrimonio cultural e histórico da vila.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta