Os bens da Igrexa en Galicia: dende un heliporto a varios campos de eucalipto

Galicia foi a segunda comunidade con máis inmatriculacións do Estado realizadas pola Igrexa aproveitando a Lei Hipotecaria de Aznar. Entre estes bens atópase a igrexa máis antiga das catro provincias, pero tamén varios alpendres e ata un 'teleclub'.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/02/2021 | Actualizada ás 12:22

Comparte esta noticia

A Igrexa católica inmatriculou bens en 262 dos 313 concellos existentes en Galicia, o 83,7% do total. Así o fixo entre 1998 e 2015, por mor da reforma da Lei Hipotecaria levada a cabo polo Goberno de José María Aznar. E é que as dioceses galegas realizaron unha de cada cinco inmatriculacións --acción de inscribir por primeira vez unha leira no rexistro da propiedade-- das 34.961 feitas en España. Son un total de 7.131 bens no caso galego, só por detrás de Castela e León (10.243).

Segundo a listaxe elaborada polo Goberno e enviado ao Congreso dos Deputados, a Igrexa rexistrou ao seu nome bens en todos os concellos da provincia de Ourense. Tamén o fixo en 89 dos 93 municipios da Coruña, salvo en: Ferrol, As Somozas, Cedeira e Cerdido. Igualmente, na provincia de Pontevedra hai propiedades inscritas nese período en 40 dos 61 concellos. Non o fixo en: Arbo, Baiona, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Portas, Ponteareas, Redondela, Ribadumia, O Rosal, Salceda de Caselas, Soutomaior, Tomiño e Tui.

No tocante a Lugo, houbo inmatricuñacións en 41 de 67 concellos. Non se produciron en: Alfoz, Baleira, Barreiros, Begonte, Burela, Castro de Rei, Cervo, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Xove, Meira, Muras, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Ourol, Pantón, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribadeo, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín, Riotorto, O Saviñao, Sober, Trabada e Triacastela.

Dos 7.131 bens na comunidade galega, 2.747 son de uso eclesiástico e os 4.384 restantes son leiras rústicas, vivendas, solares, cemiterios e prazas de garaxe, entre outros.

HELIPORTO, EUCALIPTOS E ALPENDRES

Todo iso nunha listaxe --673 páxinas ocupan o apartado de Galicia-- que inclúe monumentos como: a Catedral de Santiago; o mosteiro de Oseira, en Cea; a pontevedresa igrexa da Peregrina; museos como o de Arte Sacra da Coruña; e incontables ermidas e capelas como as da Carmen e San Roque en Lugo. Ata está a considerada como a igrexa máis antiga de Galicia, a de Santa Comba de Bande, un templo de orixe visigodo que data do século VII.

Pero tamén se inscribiron cuestións máis terreais: terreos rústicos, casas, pisos, leiras urbanizables e alpendres. De feito, ata hai unha pista de heliporto na zona do centro de saúde de Carballo, unha adega en Ares, un "teleclub" en Ames e en Brión, fontes na Laracha e un pombal en Malpica.

Á hora de identificar os terreos, hai múltiples variables e anotacións diferenciadas. En Melide, acoútase/acóutase que hai un robledal, pero en Santiso déixase claro que o piñeiral do Coto do Outeiro é "madeirable". Destacan a quincena de eucaliptales en Vimianzo e ata catro montes enteiros no Vicedo. Con todo, un dos títulos en Mañón xa deixa claro que é un "terreo improductivo"

Ademais, a igrexa conta con locais comerciais en municipios como Vigo e Narón. Dous concellos nos que tamén se poden atopar garaxes e pisos. Nos incontables bens de uso eclesiástico pódese observar o convento de clausura das Agostiñas de Vilagarcía, incluso todas as 'estacións' polas que atravesa o viacrucis do Bolo. Hai nichos en Laxe e as ruínas das casas reitorais de Oza-Cesuras e Cariño. Pero tamén patrimonio de menor tamaño como o cruceiro de Morás, en Arteixo.

CONCELLOS CON MÁIS DUN CENTENAR

Entre os 262 concellos con inmatriculaciones en Galicia, sobresaen uns poucos que superan o centenar de bens. Á cabeza, está A Estrada, con 184 bens. Na listaxe, pódense atopar decenas de parcelas en parroquias como Oca e Sabucedo, así como cemiterios e templos.

Séguelle: Lalín, con 179; Allariz e Val do Dubra, ambos con 111 cada un; Carballo, con 107; e o municipio de Pontevedra, con 102. Poden verse multitude de exemplos de terreos nestes casos. Chantada conta con 100. Mentres, quedan preto do centenar os coruñeses de Touro (99) e Vimianzo, así como o ourensán de Monterramo.

O Goberno xa expuxo que, a partir da publicación desta listaxe, calquera persoa física, xurídica ou administración pública que discrepe, pode reclamar algún destes bens, xa sexa por "vía administrativa", para que a Administración Xeral do Estado abra a investigación correspondente ou por "a vía dos tribunais", segundo explicaba esta semana a vicepresidenta Carmen Calvo.

Igrexa de Santa Comba de Bande (Ourense)
Igrexa de Santa Comba de Bande (Ourense) | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Xesús Ateo Recalcitrante

Eses andan prestos a propiarse de todo o que poden. Por moito que falan non teñen nin un chisco de moral. Son una banda de hipócritas que só pensan no seu beneficio persoal.