EPIs feitos con cubrecolchóns e batas “ultrarremendadas”: as denuncias da UCI do CHUS

Os sanitarios da unidade denuncian “falta de material básico”, entre o que contan mantas, almofadas e pezas fundamentais para o funcionamento dos respiradores. Critican o “mal estado” dos seus equipos de protección: “algunhas batas teñen parches por todos os lados”.

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/01/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O Hospital Clínico de Santiago queda a un lado da estrada que une a aldea de Vidán coa rúa Romero Donallo, situada no extremo sur do ensanche. Cada xornada, centos e centos de condutores soben e baixan a longa avenida sen imaxinar sequera o aire tóxico e cargado que, a uns centos de metros, enche a UCI covid do hospital. No coche soa a radio. Na UCI, o rumiar constante das máquinas, o respirar metálico dos intubados, a plástica tensión dos EPI sobre os enfermeiros que corren de cubículo en cubículo. E di a voz da radio, xa por Vidán: “A Comunidade galega volveu rexistrar onte máis de 1.000 contaxios novos. Son xa nove días consecutivos nos que...”.

Un sanitario da UCI do CHUS suxeita un dos EPIs en mal estado
Un sanitario da UCI do CHUS suxeita un dos EPIs en mal estado | Fonte: cedida

No momento de escribir estas liñas, Galicia vén de superar o máximo histórico de pacientes covid nas UCI. Ou, cando menos, de pacientes notificados; xa que, como informou Galicia Confidencial, os datos do Sergas non sempre coinciden cos que ofrecen os sanitarios de primeira liña. En calquera caso, todos os indicadores dispoñibles dende a fin do Nadal --dos casos á taxa de positividade-- son malos. E a tendencia, din os expertos, é que o ritmo de contaxios siga medrando nos próximos días.

Neste contexto de “máximo risco”, a tranquilidade aparente de Fernando Simón contrasta coa situación dos hospitais galegos, onde a tensión medra a cada anuncio de novos casos que fai o Sergas. Nas últimas semanas, sanitarios de toda Galicia saíron do anonimato para apelar á cautela da cidadanía. “Suplicámosvos a vosa axuda”, imploraba unha traballadora da área sanitaria da Coruña, nestes momentos a máis afectada. “Se non tomades todas as medidas isto non vai rematar nunca, moita xente morrerá”, engadiu.

EPIS “REMENDADOS”

Os casos de enfermeiras chamando a cumprir as normas foron vistos en medios escritos e mesmo no telexornal na TVG. Non tiveron tanta sorte os traballadores da UCI de adultos do CHUS, que levan meses mobilizándose para denunciar as múltiples “deficiencias” da súa unidade. En novembro, varias enfermeiras informaron a Galicia Confidencial dos “incumprimentos” que, supostamente, estaban a ter lugar na área sanitaria de Santiago, comandada por Eloína Núñez, curmá do Presidente da Xunta

Un sanitario do CHUS enfundado nunha das batas elaboradas con cubrecolchóns. Segundo o persoal da UCI, a xerencia elaborou estes traxes nos primeiros compases da pandemia para facer fronte ao desbastecemento. Hoxe, sinalan, séguense a usar.
Un sanitario do CHUS enfundado nunha das batas elaboradas con cubrecolchóns. Segundo o persoal da UCI, a xerencia elaborou estes traxes nos primeiros compases da pandemia para facer fronte ao desbastecemento. Hoxe, sinalan, séguense a usar. | Fonte: Cedida

Eloína, a cuxa xerencia atribúen “insultos e ameazas” varios traballadores, saltou á cabeza do seu primeiro complexo hospitalario --o ourensán-- un mes despois de que Feijóo gañara as eleccións autonómicas de abril de 2009. Ata entón, a hoxe xerente de Santiago era concelleira do PP no consistorio de Ourense. O pasado mes de xuño, prendeu os ánimos dos empregados do hospital ao suxerir que os gromos rexistrados no CHUS tiveran lugar por estar os sanitarios en “salas de café” e congresos médicos.

O persoal de primeira liña, por suposto, ten outra versión dos feitos. Os traballadores, que meses atrás denunciaban xornadas de 17 horas seguidas e “acoso” por parte dos seus superiores, critican agora a “falta de material básico” nas UCI do CHUS. Estas supostas carencias, focalizadas na chamada UCI covid, abranguen dende equipos de protección individual “con remendos en todas partes” a produtos indispensables para o coidado dos pacientes, que simplemente “non quedan”.

SEN MANTAS NIN ALMOFAFAS

A orixe da falta de material hai que buscala na ampliación de camas UCI --de 15 a 30-- desenvolta pola Xerencia a comezos da segunda vaga. As denuncias dos sanitarios suxiren que o subministro de material non aumentou na mesma medida. Nun documento remitido á xerencia o 5 de xaneiro, os traballadores da UCI dan parte de ata 15 incidencias na dotación dos seus equipos, algúns deles “esenciais” para o tratamento dos pacientes da unidade, especialmente inestables. En particular, o escrito denuncia falta de máscaras de osíxeno e tubuladores, dous produtos imprescindibles para que os respiradores da unidade sigan funcionando.

A problemática, porén, vai moito máis alá da maquinaria da UCI covid. Tan só no documento referido, os sanitarios relatan como, ante a ausencia de batas desbotables, “foi preciso pedilas a outras unidades”. O mesmo aconteceu con produtos tan básicos como botes para a recollida de mostras --“faltan dende hai días”-- ou mesmo mantas e almofadas para os pacientes críticos. 

EPIS FEITOS CON CUBRECOLCHÓNS

A cuestión das batas merece atención especial no conflito das UCI. De acordo con enfermeiras do servizo, parte dos EPI dos que se nutre a unidade “teñen parches por todos os lados” e “as gomas estiradas”. “Están ultrarremendados”, explica unha sanitaria que prefire permanecer no anonimato. De acordo con Susana, outra compañeira da UCI, as batas protectoras en cuestión levan sendo usadas dende a primeira vaga: “moito deron de si”, ironiza.

O prato forte dos EPI, porén, está no caso daqueles equipos feitos “literalmente con fundas de colchóns”. Os sanitarios consultados por GC responsabilizan á Xerencia deste amaño; que, nas semanas iniciais da pandemia, serviu para facer fronte ao desabastecemento. “Nesa situación de emerxencia salvounos a vida, pero agora están remendadísimas e derretidas”, explica Raquel, outra sanitaria.

Aínda que o hospital ampliou a dotación de batas con algúns exemplares novos, os sanitarios teñen que seguir dependendo destas pezas “remendadas” en plena terceira vaga. “Sempre hai alguén que vai cos parches”, explica Susana. O estado dos EPIs, polo que CIG-Saúde xa presentou unha declaración ante inspección de traballo, esperta as críticas dos sanitarios polo “incómodo” do seu uso. “Paréceme unha tomadura de pelo”, espeta Raquel, que engade: “agora que hai máscaras a gusto do consumidor en cada farmacia tamén terá que haber batas”

SEN RESPOSTA DO SERGAS

O tirapuxa do material marca un capítulo máis na guerra fría entre persoal da UCI de adultos e as autoridades do Clínico Compostelán. Os traballadores comezaron a se mobilizar a finais da terceira vaga para demandar unha reforma estrutural da unidade, pouco apta para pacientes con doenzas respiratorias como a covid. A xerencia comprometeuse por escrito a facer a obra, pero non se chegou a poñer un ladrillo. Hoxe, coa auga cada vez máis preto do pescozo, os sanitarios piden colaboración para facer fronte a unha terceira vaga que --xa o dixo o presidente-- será máis dura que as anteriores. 

Galicia Confidencial púxose en contacto co Servizo Galego de Saúde e a Área Sanitaria de Santiago de Compostela para coñecer a versión da Xerencia a respecto das denuncias de sanitarios e sindicatos aquí recollidas. Na xornada de publicación desta peza non consta aínda resposta algunha por parte das autoridades sanitarias aludidas.

Un dos EPI en mal estado da UCI do CHUS
Un dos EPI en mal estado da UCI do CHUS | Fonte: cedida
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Lad

Acabo de recoller as máscaras de tela que manda Feijóo aos colexios, fai dous días reclamaba ao goberno central a obrigatoriedade das ffp2 nos lugares públicos. Non se pode ser máis demagogo.

1 Herme

Muy desgraciadamente a xente non cre nada disto, nin sequera cando o padece en carne propia esperando un ano por Unha proba....Non teño palabras que describan a rabia, impotencia é xa a veces desesperación, fronte a quen co seu voto, o permite é o mantén