Feijóo xustifica suspender operacións para ter "reserva de camas UCI" ante un "seguro" aumento da presión hospitalaria

O presidente galego explica que "non" se fan "menos" operacións, senón aquelas que levan "menos días de estancia" en UCI.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 15/01/2021 | Actualizada ás 16:25

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xustificou a suspensión e reprogramación de operacións non urxentes nas áreas sanitarias de Santiago, A Coruña e Ferrol para ter "unha reserva de camas de UCI" que faga fronte a un aumento da presión hospitalaria que se prevé "seguro". Así respondeu, nunha rolda de prensa conxunta co ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, ao ser preguntado sobre a evolución da pandemia en Galicia e a súa afectación aos hospitais galegos, onde os ingresos por covid-19 soben por decenas cada día.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas | Fonte: Xunta de Galicia.

Neste contexto, ante a reprogramación de operacións non urxentes que practica o Servizo Galego de Saúde (Sergas) desde esta semana en Ferrol, A Coruña e Santiago, Feijóo matizou que "non consiste en ter menos intervencións", senón en facer aquelas "que ocupan menos días de estancia media" nunha UCI.

"Para que? Para ter unha reserva de camas de UCI sen utilizar ante os eventuais e seguros incrementos da ocupación que imos ter en todos os hospitais do Sistema Nacional de Saúde", explicou a continuación.

Iso si, "evidentemente", estas reprogramacións "nunca poden afectar en ningún caso a unha patoloxía urxente, oncolóxica ou de trauma, pero si a aquelas que están programadas e que non pasa nada por pospolas unhas semanas e con todo facer outras con menor impacto en UCI".

E é que, aínda que o presidente da Xunta garantiu que "aínda" hai reservas de camas no Sergas, a evolución da pandemia "é moi preocupante, máis que na segunda onda".

"Sabendo o que ocorreu na primeira, entre marzo e xuño, e na segunda, entre setembro e novembro, enfrontámonos ante unha progresión do número de infectados diarios moi preocupante", engadiu.

A pesar da medida de reprogramar operacións, Feijóo volveu reivindicar que a galega "segue sendo" a "primeira ou segunda" comunidade "con menos ocupación en UCI" por parte de pacientes covid, ou "normalmente é a que ten menos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta