Louzán e a delegada da Xunta en Pontevedra, ao banco por fraude e prevaricación por obras nun campo de fútbol

A causa que chega ao edificio dos xulgados da Parda é unha peza separada da Operación Patos.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 19/11/2020 | Actualizada ás 19:36

Comparte esta noticia

O xulgado do penal número 3 de Pontevedra ten previsto xulgar este venres ao presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, e á delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro. A el por un suposto delito de prevaricación e outro de fraude e ela como cooperadora necesaria en relación a unhas supostas irregularidades nas obras do campo de fútbol de herba artificial do Buelo no ano 2011, cando Louzán era o presidente da Deputación de Pontevedra e Piñeiro a alcaldesa de Moraña.

Rafael Louzán.
Rafael Louzán.

A causa que chega ao edificio dos xulgados da Parda é unha peza separada da Operación Patos. Ademais de Louzán e Piñeiro, sentarán no banco dos acusados outras seis persoas: o administrador de Eiriña Construcións, adxudicataria das obras; o director xeral desta empresa; o entón director de infraestruturas da Deputación; dous empresarios de Pontevedra e O Salnés e un arquitecto.

Os oito están acusados do delito de fraude e ademais Rafael Louzán enfróntase a un suposto delito de prevaricación e como cooperadores necesarios desta suposta prevaricación o fiscal acusa a Luisa Piñeiro e a outro cinco acusados máis.

En canto á petición de penas, Fiscalía solicita que Louzán e outros dous sexan condenados a tres anos de prisión e nove anos de inhabilitación especial para emprego ou cargo público relacionado con calquera cargo nas administracións públicas.

As penas solicitadas para os outros acusados oscilan entre os dous e tres anos de cárcere, ademais da inhabilitación en relación coas axudas públicas e beneficios fiscais.

Segundo o escrito de acusación do Ministerio Público, en decembro de 2011 a Deputación de Pontevedra aprobou un convenio co Concello de Moraña para remodelar o campo de fútbol do Buelo mediante unha subvención discrecional do presidente Louzán.

A obra foi adxudicada á construtora Eiriña e tivo un sobrecusto de 86.000 euros relativo a unhas obras non contratadas, a pesar de que a lei impedía pasar o importe da adxudicación.

Segundo a Fiscalía, os acusados "idearon un sistema artificioso, en fraude de lei, tendente a abonar á empresa Eiriña o importe que reclamaba sobre o orzamento aprobado".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta