Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/11/2020 | Actualizada ás 14:29
Prosegue o choque entre o persoal da UCI de adultos do CHUS e a xerencia de Compostela. Na xornada do luns tivo lugar o primeiro dos días de folga e mobilización que cada luns inundará o clínico compostelán. As reivindicacións serán, iso si, simbólicas: non haberá abandono do posto de traballo logo de que o SERGAS impuxese un servizos mínimos do 100%, que os sanitarios ven "proba" da falta de persoal denunciada.
Neste aspecto, os profesionais de enfermaría da UCI do CHUS veñen de cargar duramente contra as explicacións ofrecidas a outros medios pola xerencia compostelá. Tal e como recolle La Voz de Galicia, a dirección da área comandada por Eloína Núñez sostivo na xornada de luns que a calidade asistencial está "absolutamente garantida", unha visión que constrasta coas denuncias de "falta de persoal" feitas polos sanitarios.
Porén, o punto que está a levar ós sanitarios a elevar a voz son as "diversas medidas de compensación" para os profesionais destacadas pola Xerencia. Rosa González, voceira do persoal sanitario da unidade de críticos, considera que o anuncio da Xerencia é "case un insulto". "O que nos ofrecen agora é o mesmo que en xuño pero con outras palabras", explica.
Á parte, as compensacións anunciadas pola Xerencia non se corresponden co tempo real de traballo, de acordo coa versión dos sanitarios. Segundo sinala a voceira, a Xerencia ampliou en 20 minutos o cómputo da quenda laboral para ter en conta as dificultades que implica poñer e quitar o EPI, preciso para a UCI covid. O tempo empregado nesta tarefa, porén, é moito maior: “chegamos 1 hora antes á quenda e saímos unha hora e media despois”.
PROMESAS "INCUMPRIDAS"
Por riba, e sempre segundo a versión dos sanitarios, estes "20 minutos" que agora destaca a Xerencia "forman parte do acordado en xuño". Tras fortes presións dos sanitarios, a Xerencia de Núñez comprometeuse a levar a cabo unha reforma na unidade de críticos e a sumar eses 20 minutos. Ningunha das dúas promesas se levaron a cabo, din os sanitarios: “Como era antes das eleccións dixeron ‘ala, firmamos’, pero non fixeron nada”
“Como din que nos dan isto se xa quedou acordado en xuño e aínda agora non se está a facer?”, pregúntase González. A indignación da voceira concéntrase nas afirmacións da Xerencia defendendo que hai persoal suficiente para manter a calidade da UCI. "Declaran que hai persoal suficiente para as uci covid e limpa pero é mentira. Están mentindo constantemente á prensa, e podemos demostralo con feitos, papeis e declaracións”
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.