O Carballo Interplay e o Encontro de Ilustradores trasládanse á rede

Internet dará acubillo a moitos dos próximos eventos culturais. Estes son os programas online do festival de cinema e do encontro dos profesionais da ilustración, que se desenvolverán neste mes de novembro.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/11/2020 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

A distancia social imposta pola pandemia obrigou a maioría de festivais a reiventarse este 2020. Ou, cando menos, a expandir o seu alcance na rede máis alá da presenza física. O festival de cinema Carballo Interplay e o Encontro de Ilustradores 2020 - organizada pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración - non son unha excepción.

Carballo Interplay 2020
Carballo Interplay 2020 | Fonte: Carballo Interplay

CARBALLO INTERPLAY VOLVE Á REDE

Despois de adiar a súa VII edición como consecuencia da chegada da primeira onda da Covid, e despois de deseñar unha versión "híbrida" entre a presencialidade e a virtualidade para os días 18, 19, 20 e 21 de novembro, a organización do Carballo Interplay volve repensar a convivencia de manter as actividades presenciais. "O Carballo Interplay é un festival de contidos dixitais", recorda a directora do festival, Sonia Méndez, "vimos da Internet e este ano imos ter que volver á rede, para coidar, para coidarnos e para demostrar que a esencia do festival non reside en nada máis que en compartir creatividade e amor dixital, ben sexa en persoa ou a través das plataformas". Deste xeito, todas as actividades do festival poderán verse de xeito libre e gratuíto a través de varias plataformas (Youtube, Facebook e Twitch). O seu programa está dispoñible na web do Interplay. 

A organización do festival quere aproveitar a ocasión para analizar como as tecnoloxías poden transformar espazos físicos en espazos virtuais, axudándonos a adaptar eventos e a construír ou reconstruír novos mundos. Para facelo, o Interplay volve a mirada cara ás posibilidades creativas que ofrecen os efectos dixitais, a realidade virtual e mixta ou a intelixencia artifical, tanto para a industria audiovisual como para a arte ou o patrimonio cultural. Os especialistas Carlos Seijo (Maxina) e Toño Cabanelas (Liveforevr) explicarán como en tempos de distancia social, nos que as interaccións están máis que nunca mediadas pola pantalla, as tecnoloxías emerxen para crear novos mundos pero tamén para achegarnos doutro xeito aos mundos que xa coñecemos, nunha actividade que conta coa colaboración da Asociación Galega de Proferionais da Dirección e da Realización (CREA).

Ademais, a directora do Carballo Interplay, Sonia Méndez, falará con Ana Domínguez (directora do S8) e Ángel Sánchez (director do Play Doc) sobre as fórmulas aplicadas polos festivais audiovisuais galegos no contexto da pandemia do Coronavirus, como a colaboración con plataformas de streaming, a creación de contidos específicos para a rede ou o deseño de actividades para a súa produción e retransmisión online. Tamén o programa formativo se adaptou á situación actual. Así pois, o festival ofrecerá un obradoiro sobre "Como emitir en streaming sen morrer no intento", impartido por Jorge Boquete. O curso, de 12h horas de duración, custa 25€ e poden asistir un máximo de 12 persoas, que aprenderán as claves para emitir contidos audiovisuais por streaming de xeito semiprofesional. 

ENCONTRO GALEGO DE ILUSTRACIÓN: MÁIS ALÁ DO PAPEL

Igualmente, a decimosetima edición do Encontro Galego de Ilustración será completamente virtual desta vez; e terá lugar o vindeiro, sábado, 14 de novembro entre as 10:00h e as 19.00h. Tratarase de catro charlas arredor do mundo da ilustración máis alá do papel, entre os videoxogos e os novos soportes dixitais, e outros tantos invitados para ampliar os coñecementos e a situación do sector da ilustración, Javi de Castro, Susy Broullón, Montse Piñeiro e Isabel Méndez, presentados pola actriz e presentadora Neves Rodríguez. Todas as charlas emitiranse en directo en formato webinar e o público poderá participar mediante preguntas por escrito. O Encontro é gratuíto pero é necesario inscribirse previamente en bigmaker.com/series/EncontroAGPI.

 

“Os autores convidados para esta edición visibilizarán partes da nosa profesión menos coñecidas, en mercados crecentes e en clara expansión”, explica Miguel Cuba, elixido recentemente presidente da AGPI. Así pois, esta edición pretende estrear formato virtual pero sen renunciar aos cometidos de debater entre profesionais as novidades do sector e os distintos escenarios nos que se move.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta