A vixencia da Xeración Nós

Nesta fin de outubro cumpríronse cen anos da saída do primeiro número da revista “Nós”, dirixida por V. Risco, con Castelao de director artístico e Ramón Cabanillas, Antón Lousada, Otero Pedrayo e López Cuevillas de redactores. A revista quitou 144 exemplares, sendo o derradeiro o de xullo de 1936. A enxurrada militar e fascista do verán de 1936 impediu novas edicións.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 01/11/2020

Comparte esta noticia

Porqué é tan relevante para o noso País a revista Nós? Porque construiu, definiu, unha identidade galega moderna e europea, sen ningunha caste de intermediarios que antes non se amosaba dese xeito. Velaí a razón porque Nós fixo un traballo non só cultural, senón ideolóxico e político.

Revista Nós
Revista Nós

Os precursores e os teóricos do Rexurdimento (Murguía, Vicetto)  puxeran xa os alicerces para unha potente reivindicación  nacional no político e no cultural. Mais Murguía adoitaba escrebir en castelán e foi Lugrís Freire quen deu o primeiro mitin en galego no 1907, en Carral. Algúns dos nosos petrucios galeguistas mesmo non entenderon o fracaso español en Cuba (1898) nin a oportunidade que se abría entón para a reivindicación do autogoberno, dos intereses económicos e da cultura galegas. 

É a xeración Nós a primeira que aposta por Galicia como referente cara fóra. Os Precursores provincialistas e o Rexurdimento do século XIX até entón reivindicaran a galeguidade e os intereses galegos cara dentro do Estado. A xeración Nós olla cara Europa e o mundo todo. Cara  Portugal e á Europa atlántica e céltica dos Fisterras cos que os nosos antergos comerciaron durante séculos, nomeadamente Irlanda. Irlanda como pobo amigo e próximo, identificando as angueiras galegas (autogoberno, adquisición da terra polos labregos, dignificación da lingua propia) coas irlandesas. O poeta nacional irlandés W.B.Yeats é unha constante en moitos dos números de Nós. A primeira tradución dun fragmento do Ulises de James Joyce, feita por Otero Pedrayo, publícase en Nós no 1926, mentres no ermo cultural español da ditadura de Primo de Rivera ninguén principiara semellante traballo.

Modernidade, europeísmo, diálogo directo da cultura galega co Mundo…Velaí algunas das principais achegas da Xeración Nós. Porque a segunda é a tolerancia. Nesta revista partilla unha tendencia político-social liberal e progresista con outra conservadora-tradicionalista, mais as dúas son quen a convivir e definir país e cultura de seu. Como tamén se deu esa tolerancia nas tendencias culturais, literarias ou científicas dos moitos colaboradores da revista ao longo de dezaseis anos.

Nós só foi posíbel por se xuntar persoeiros culturais da relevancia dos sinalados (Risco, L. Cuevillas e Otero Pedrayo, de orixe inadaptados, amplos coñecedores de culturas exóticas que converxen na atención á cultura do País), co traballo de cultura popular e de discurso político galeguista das Irmandades da Fala e de Castelao. Galicia deu moitas reviravoltas estes cen anos. Mais convirán vostedes comigo que o legado de Nós é ben actual.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.