Miguelanxo Prado achégase ao xénero fantástico

Miguelanxo Prado regresa cun relato fantástico que ten como principal soporte o virtuosismo gráfico do debuxante coruñés.

Por Elipses e sombras - Eduardo Maroño | A Coruña | 04/10/2020 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Título: O pacto do letargo. O tríscele roubado

Portada da nova obra de Miguelanxo Prado,  O pacto do letargo. O tríscele roubado
Portada da nova obra de Miguelanxo Prado, O pacto do letargo. O tríscele roubado | Fonte: remitida

Autor: Miguelanxo Prado

Ano: 2020

Miguelanxo Prado acadou con Trazo de xiz (1992) un éxito que o situou na primeira liña da banda deseñada internacional. A súa traxectoria posterior revela o desexo de construír unha obra de marcado acento persoal que prefire o cambio de rexistro e xénero á repetición de fórmulas. Nos últimos anos, Prado foi alternando entre a sátira costumista, a fantasía onírica, o realismo máxico ou o romance social, mais amosando sempre preocupacións recorrentes. Se comparamos o seu título máis recente cos precedentes inmediatos observaremos, de novo, unha clara distancia en forma e ton. Fronte a densidade lírica de Ardalén (2012) e a vocación testemuñal de Presas fáciles (2016), O tríscele roubado (Retranca, 2020) preséntase baixo as formas menos ambiciosas dun relato fantástico convencional no que a vocación lúdica e o sentido de marabilla veñen acompañados dun modesto comentario social. E sen embargo, amosa preocupacións coincidentes coas de gran parte da obra previa de Prado, encaixando sen dificultades no mosaico que forma o conxunto da súa produción.

Esta primeira peza do que promete ser unha triloxía, O pacto do letargo, combina elementos da tradición máxica galega con mitos popularizados a escala global polo cinema e a literatura. A curiosidade dun investigador universitario fai emerxer unha realidade fantástica que permanece agochada no noso mundo, marcada pola rivalidade ancestral entre dúas estirpes de criaturas máxicas. As diferenzas entre ambos pobos teñen a súa orixe no distinto xuízo que lles merece a humanidade, recurso que lle vale ao autor para peneirar argumentos críticos respecto de aspectos propios da nosa contemporaneidade, coma a violencia, as actitudes insolidarias ou a falta de conciencia ecolóxica. Ademais, as conexións da trama co mundo académico permiten revelar algunhas das coñecidas eivas do noso sistema universitario.

Malia contar cunha certa carga reflexiva, O tríscele roubado pretende ante todo ser unha lectura accesible e vai dirixida a un espectro amplo de lectores no que están incluídas as xeracións máis novas. Consecuentemente, Prado adopta un rexistro gráfico máis espido e amable ca o dos traballos inmediatamente precedentes. Fronte os mencionados Ardalén e Presas fáciles, cuxo debuxo parecía case esculpido na páxina e no que abundaban os tons escuros, as pranchas do novo álbum presentan formas máis lixeiras, cores luminosas e unha gramática narrativa transparente. A caracterización de personaxes, sempre magnífica en Prado, abala desta volta cara a caricaturización máis enfática que o autor ensaiara sobre todo na súa produción humorística (Quotidianía delirante, Crónicas incongruentes). 

Haberá que ver cara onde se dirixe a trama en sucesivas achegas mais, polo de agora, atopamos a un Prado que modera as súas pretensións e presenta ao lector un relato intencionadamente lixeiro, que ofrece non poucas oportunidades para o desfrute do virtuosismo gráfico do artista coruñés.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta