Por X.M. Fernández | Verín | 10/09/2020 | Actualizada ás 09:30
O Auditorio de Verín fíxose pequeno para acoller a estrea oficial do documental Entroidar, dirixido polo compostelán Pablo Ces. Moita presenza de público de Laza para ver este traballo audiovisual de gran valor divulgativo que se centra en poñer en valor o carácter especial e a singularidade do Entroido lazano. Segundo afirma Ces, o seu director, Laza é un lugar no que o entroido "vívese case coma unha relixión”.
Tras a súa primeira visita a este Entroido, en 2018, o director da obra quedou impresionado pola autenticidade da festa e decidiuse a filmar un documental de índole etnográfica, que agarda poida ter percorrido “en diferentes festivais”.
Entroidar sostense sobre varios piares fundamentais: as personaxes que fan posible o Entroido, os lugares nos que se desenvolve e a propia celebración. Segundo quixo salientar o propio director, o documental busca desbotar mitos e quere achegar unha ollada a “como se transforman as persoas que están detrás das personaxes do Entroido de Laza”.
Durante a pasada edición do FIC Vía XIV -no 2019- exhibiuse un avance deste documental e celebrouse un coloquio posterior no que participou o seu director, Pablo Ces. Cunha dilatada traxectoria no eido audiovisual, Ces conta cun premio Mestre Mateo, que obtivo en 2011 polo documental As silenciadas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.