Activado o primeiro plan de despregamento de fibra en todo o centro histórico de Santiago de Compostela

Chegará á Rúa do Franco este verán e á totalidade do conxunto histórico nun prazo estimado de sete meses.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 16/06/2020 | Actualizada ás 18:57

Comparte esta noticia

A fibra óptica chegará á Rúa do Franco este verán e á totalidade do conxunto histórico de Santiago de Compostela nun prazo estimado de sete meses. Esta é previsión do plan de despregamento que o director territorial de Relacións Institucionais do operador Orange, Óscar Aragón, presentou este martes á directora da Amtega, Mar Pereira, ao alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; e a directora xeral de Patrimonio, María del Carmen Martínez.

Reunión en Santiago
Reunión en Santiago | Fonte: Xunta.

Ambas as institucións colaboraron para facilitar o despregamento de redes de telecomunicacións nesta zona especialmente protexida coa elaboración dun catálogo de solucións técnicas e o posterior lanzamento dunha consulta pública a operadores. Este proceso concluíu coas propostas de R, Telefónica e Orange, operador que solicitou a licenza municipal a semana pasada.

A comisión asesora de patrimonio do centro histórico informou este martes favorablemente a proposta de despregamento para todo o ámbito da cidade histórica e o proxecto concreto para a Rúa do Franco, de cara a continuar coa tramitación administrativa da licenza.

O alcance desta iniciativa abarca todo o ámbito do Plan especial, non só a améndoa do centro histórico. O proxecto contempla, tamén, compartir infraestruturas, o que permitirá a outros operadores poder dar servizo no conxunto histórico utilizando as redes de Orange.

Para a extensión da fibra, o operador empregará caixas de baixo impacto nas fachadas e as canalizacións existentes. Son solucións acordadas durante o proceso de consulta aberta a operadores lanzado a finais do pasado ano por parte da Amtega, o Concello e a Consellería de Cultura e Turismo, que se forxaron tomando como punto de partida o Catálogo de Solucións Técnicas aprobado o pasado verán polo Goberno galego.

O Catálogo de solucións para actuacións de tendido da rede de fibra óptica en contornas urbanas de especial protección e conxuntos históricos de Galicia foi elaborado pola Amtega, o operador público Retegal e a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural para abordar unha problemática presente en toda a Unión Europea para a que ata agora non se ofreceu ningunha solución, lembra a Xunta.

Para a elaboración desta guía partiuse do caso concreto de Santiago de Compostela e, en colaboración co Concello, co Consorcio de Santiago e cun equipo multidisciplinar, elaboráronse unha serie de propostas viables e extrapolables a outros conxuntos históricos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta