Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/05/2020 | Actualizada ás 18:30
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quixo lembrar na celebración do Día das Letras Galegas que "o que une a todos os galegos, non é outra cousa que a lingua".
A lingua galega "foi capaz de resolver longas noites de pedra, períodos escuros da historia" porque "é o elemento que máis nos une e identifica o concerto de todos os pobos do mundo", destacou o titular do Goberno galego este domingo, antes de comezar a rolda de prensa posterior á décima reunión telemática co presidente do Executivo estatal, Pedro Sánchez, e o resto de titulares autonómicos.
Na celebración dun 17 de maio atípico, que nesta ocasión a Real Academia Galega (RAG) decidiu dedicar ao autor galeguista Ricardo Carvalho Calero, o número uno da Xunta subliñou que o idioma "foi quen de superar todas as vicisitudes" ás que se enfrontou ao longo de "todos estes séculos desde que existimos como pobo".
A pesar das dificultades que entraña a situación actual para celebrar o Día das Letras Galegas en condicións, Feijóo asegurou que "queda pendente unha mellor celebración" desta xornada, "porque é necesario honrar a Ricardo Carvalho Calero".
Igual que mencionou as "vicisitudes" ás que se enfrontou o galego ao longo da súa historia e que superou, o titular autonómico mostrouse convencido de que "tamén seremos capaces de superar esta pandemia, da que sairemos máis unidos, fortes e orgullosos do que somos", da mesma forma que "este pobo está orgulloso da súa lingua e das súas letras".
Por todo iso, desexou un feliz Día das Letras Galegas a toda a cidadanía que este 17 de maio homenaxea a un dos seus primeiros estudiosos da literatura do país.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.