Crise da Monarquía, crise do Estado

As declaracións de Arturo Fasana, xestor de Xoán Carlos de Borbón perante a Fiscalía suiza de Xenebra, ratifican o absoluto desprestixio do anterior Xefe de Estado. Malia que, fronte os 100 M USD da comisión do rei Abdallah da Arabia Saudita de 2008. os 1,7 M € do agasallo de 2010 do sultán de Bahrein son cuantitativamente moito menos relevantes.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 03/05/2020

Comparte esta noticia

Mais, con cravar un outro cravo no sartego da honestidade do antigo monarca, estas manifestacións amosan unha historia trapalleira de serie B: disque Borbón y Borbón transportou os cartos nun maletín entre Abu Dhabi e Xenebra, prevaléndose da súa cualidade de Xefe do Estado e, xa que logo, da ausencia obrigada de controis. En Xenebra llelos entregou ao seu xestor para que éste os ingresase na conta da Fundación panameña Lucum da banca Maribaud. Lembremos que o único beneficiario en vida da Fundación Lucum era o propio Rei Emérito e que o seu fillo e actual Xefe de Estado era beneficiario da devandita Fundación no caso de falecemento, até que renunciou en marzo de 2019, un ano antes de informar deste affaire á opinión pública.

O rei Juan Carlos I, nunha cacería de elefantes.
O rei Juan Carlos I, nunha cacería de elefantes.

Os feitos denunciados son gravísimos. Por moito menos hai ben de xente na cadea, comezando polo xenro do Rei Emérito. Arrepía pensar nestes níveis de corrupción na Xefatura do Estado ao longo de 39 anos, que só comezan ser descobertos pola xurisdición doutras democracias europeas.

Ninguén negará agora a necesidade urxente dunha investigación parlamentaria, como a que pediron hai unhas semanas Compromís, PNV, EH Bildu, JuntsxCat, ERC, CUP e BNG. Porque o desprestixio da Monarquía española no contexto europeo e universal  é irreversíbel. E o desprestixio da Monarquía fire de morte o prestixio do Estado español. Unha ollada á mellor prensa internacional é abondo para comprobalo.

Mais fronte tal pedimento o tripartito de dereitas e o PSOE xuntaron o seus votos para lle furtar á cidadanía das distintas nacións do Estado unha pescuda independente que  determine os concretos actos de corrupción do anterior Xefe do Estado. Pescuda que non habería prexudicar a xudicial que lle cómpre á Sala do Penal do Tribunal Supremo, malia que como avogado dubide moito de que un Tribunal tan politizado vaia mover un papel.

Porque a Monarquía de Xoán Carlos e Filipe de Borbón é a Institución que encarna e lle da sentido ao Deep State,  á baixa calidade democrática, á recentralización política e económica, ao predominio dos sectores regulados do Ibex 35, á España da grande banca, da grande  distribución  eléctrica e do lobby construtor-concesional. A Institución que lle da sentido ao capitalismo de “amiguetes”  e á España do palco VIP do Bernabeu.

A crise da Monarquía é a propia crise do Estado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.