O ultranacionalismo do PP mete “medo” na Europa do capital

Aínda é cedo para facer unha análise en profundidade das consecuencias que terán os resultados das eleccións catalás, pois fai falla coñecer as argumentacións que farán uns e outros no debate de investidura de Mas e tamén o que decidirá o goberno central para, supoño, reconducir as relacións cos seus irmáns ideolóxicos, CiU.

Por Félix Soria | A Coruña | 30/11/2012

Comparte esta noticia
Nembargantes, hai cuestións das que xa se poden extraer conclusións. Por exemplo, ¿Por que a dereita nacionalista española, o PP, basa a súa grande ledicia polos resultados do 14-N nun só feito: a perda de 12 escanos que sufriu CiU?
 
Aínda que moitos eviten decilo ou recoñecelo, o PP é nacionalista. Por riba, o nacionalismo “popular” é máis radical que o da maioría das formacións ás que o partido de Mariano Rajoy sinala como culpabeis do “pecado mortal do territorialismo”. Na Galicia, por exemplo, sataniza de cotío a todos os nacionalistas: desde o BNG ata Terra Galega, a todos sen excepcións, sexan de esquerda, centro ou dereita.
 
A actitude anti-nacionalista do nacionalista PP é paradoxal porque tamén “fai a guerra” na contra dos seus irmáns ideolóxicos, sociais e económicos, como son a católica Unió Democràtica de Catalunya (UDC) e a liberal Convergència Democràtica de Catalunya, partidos integrantes de CiU.
 
Co gallo das eleccións catalás o PP levou o “odio político” a CiU ao esperpento, pois o Goberno de Mas recibiu hai xa moito tempo (antes co PP) a felicitación das organizacións transnacionais da dereita e do centro europeos e mesmo dos voceiros das institucións económicas e políticas da UE pola súa dilixencia á hora de aplicar restriccións orzamentarias para reducir o déficit e por asumir o plano estratéxico dos grandes lobis económico-empresariais do mundo, políticas que CiU encetou antes que todas as seccións autonómicas do PP, e tamén antes que o propio PP, que só admitiu as súas obrigas sistémicas despois de vencer ao PSOE quentando a orella do electorado. 
 
Xa no goberno, o nacionalismo do PP é tan agresivo e os seus cómplices mediáticos tan mecánicos que o primeiro esquece e os segundos calan  contradicións suicidas. En reunión en Bruxelas e noutas capitais políticas do mundo os partidos conservadores británico e alemán (os máis influintes nas organizacións internacionais democristiá e liberal) critican a teimosia do PP diante do feito obxectivo de que España é un territorio plurinacional (ou multicultural) e que, polo tanto, a banca, as grandes corporacións, os intereses das clases altas e mesmo a intelixencia esixen que os partidos da dereita reduzan e mellor eviten públicamente os enfrontamentos públicos entre eles por razons interterritoriais, máxime cando o escenario deses pleitos abrangue  un só Estado.
 
O nacionalismo españolista do PP é tan fero e os seus aliados mediáticos tan servís que o primeiro nega a realidade e os segundos venden contos aos seus clientes ao afirmar que a perda de votos de CiU escenifica a derrota do catalanismo e do independentismo, cando o certo é que a suma dos votos de CiU, ERC e CUP (sen incluír a fidelidade de IC-V á sociedade na que vive) obtiveron 1.734.000 votos e os nacionalistas españois (PP e Ciutadáns) 746.000 (os votos do PSC, 523.000, non se poden adxudicar de xeito xeral a negún dos dous nacionalismos).
Grande é a dificutade para entender que os irmáns ideolóxicos Rajoy e Mas  manteñan una “guerra” tan destrutiva para os intereses económicos que representan, co agravante (segundo teñen subliñado analistas políticos da dereita e do centro europeos) de que sexa o partido de goberno do Estado quen insista en mesturar a economía co goberno e o poder co dominio.
A única explicación racional dese enfrontamente entre irmáns ideolóxicos é que PP e CiU pactaran destruir o debate coa finalidade de manter aos electores lonxe dos problemas cotiás: o custe social que ten auxiliar á banca ou a reduzón orzamentaria aplicada aos servizos básicos , entre outras cuestións.
 
O centro-dereita europeo, que é o bloque politico que ten máis presenza nas institucións da UE e nos organismos públicos e privados da economía transnacional, non só ten dificultades para comprender o que fai o PP, senón que ademáis dubida que os conservadores españois sexan quen de poñer as bases para que Catalunya (e outros territorios do Reino de España) deixe de ser un problema para xestionar as forzas produtivas e o capital.
 
Para o sistema, o nacionalismo non é un “pecado mortal”.
 
O problema español que xera máis inquedanza en Europa non é Catalunya (ninguén ignora que o soberanismo de Mas é unha impostura), o problema que preocupa en Europa é que o partido de goberno sexa políticamente un neno pequeno, un inmaduro que pecha os ollos para non recoñeecer que os nacionalismos “periféricos” viñeron para non marchar e que “a España dos Reis Católicos” que defenden algúns dos seus voceiros alimenta o independentismo en Cataluña, Euskadi e Galicia.
 
Un partido de dereitas racional acadaría acordos cos seus irmáns na defensa da “libre economía”, con renuncia expresa á “evanxelización” dos cidadáns que teñen sentimentos e sonos, sempre que non prexudican ao negocio… E Mas, todos o sabemos agás o PP, non prexudica negocio nengún.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Félix Soria Félix Soria (Lugo, 1953) é xornalista e reside na Coruña desde o 2001. Estudou Filosofía e Letras e Dereito en Barcelona, onde viviu 28 anos, e tamén en Andalucia, Bélxica, Castela e Francia. Traballou ou colaborou con medios cataláns, andaluces, galegos e unha axencia francesa. Como xornalista, especializouse en información local, económica, xeopolítica e da Unión Europea, como correspondente en Bruxelas durante 6 anos. É o administrador do blogue http://im-pulso.blogspot.com.es/