Así é Galicia a través dos seus topónimos

A rede cidadá de colaboradores da aplicación Galicia Nomeada recupera 4.000 microtopónimos en dous meses

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/02/2020 | Actualizada ás 11:17

Comparte esta noticia

Galicia Nomeada, a aplicación da Real Academia Galega e a Xunta para a recuperación colectiva da microtoponimia, recolleu en menos de dous meses máis de 4.000 nomes de montes, leiras, fontes e mesmo rochas pertencentes a 140 dos 313 concellos galegos.

A iniciativa recibiu, desde a súa posta en marcha o pasado 20 de decembro máis de 600 solicitudes de persoas interesadas en rexistrar e xeorreferenciar nomes do territorio da súa contorna.

Ademais de compartir os nomes e identificalos sobre a imaxe aérea do territorio dispoñible na plataforma, boa parte dos usuarios achegaron audios coa súa pronuncia ou con lendas asociadas e numerosas fotos de elementos de interese cultural, como cruceiros, muíños, capelas, fontes ou pontes.

Por provincias, A Coruña é a que suma máis microtopónimos recuperados nestas primeiras semanas de funcionamento da aplicación colaborativa, uns 1.500 que representan ao 40% dos recolleitos ata o momento. Os nomes rexistrados pertencen á metade de municipios da provincia.

En Pontevedra, pola súa banda, recolléronse algo máis de 1.000 microtopónimos en case a metade dos seus concellos; mentres que os usuarios achegaron 767 novos nomes desde 20 municipios ourensáns. Finalmente, no caso de Lugo, figuran 553 rexistros correspondentes á metade dos 67 concellos da provincia.

En canto ao traballo das persoas usuarias, destacan as contribucións individuais desde Rianxo, onde a colaboradora Susana Silva achegou máis de 630 topónimos; e desde O Irixo, cos máis de 509 facilitados por Xulio Dobarro. Destacan tamén as achegas colectivas, como os 1.025 topónimos achegados en Silleda polo profesor Xoán Carlos García Porral e os alumnos do IES Pintor Colmeiro.

Os máis de 4.000 microtopónimos que se incluíron no que vai de ano súmanse aos máis de 6.000 achegados durante a fase de probas de Galicia Nomeada, co que o total ascende xa a 10.273.

Galicia Nomeada. REAL ACADEMIA GALEGA
Galicia Nomeada. REAL ACADEMIA GALEGA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta