Comparte esta noticia

Grupo de Estudo do Medio Mariño (GEMM), con base en Ribeira, volve alertar da presenza de especies exóticas e invasoras que están a aparecer nas augas de Galicia nos últimos anos.

Especies exóticas identificadas polo Grupo de Estudo do Medio Mariño
Especies exóticas identificadas polo Grupo de Estudo do Medio Mariño | Fonte: GEMM.

Desta vez, froito das mostraxes que membros do GEMM levan a cabo habitualmente polas costas de Galicia para o seguimento e control de especies exóticas e invasoras, atoparon na ría de Arousa un exemplar de Hexaplex trunculus (molusco exótico invasor mediterráneo), cuberto por Crepipatella dilatata (molusco exótico invasor americano) e, colgando, o alga  Sargassum muticum (alga exótica invasora xaponesa).

Os científicos lamentan que, "por desgraza", a presenza de especies foráneas que poñen en perigo as autóctonas e os seus hábitats é algo "cada vez máis frecuentemente, con barbaridades do calibre do da foto" que mostran.

"A única especie autóctona que se beneficia desta tremenda catástrofe ambiental que sufrimos é a anemone Calliactis parasitica, que busca as cunchas de grandes gasterópodos para fixarse a elas", apuntan.

O GEMM vén traballando desde hai anos na identificación de especies exóticas e invasoras nas augas galegas, que recibiron nos últimos tempos novas especies de crustáceos, moluscos e de diferentes filos zoolóxicos de invertebrados nunca antes observados aquí. Os expertos veñen apuntando a un proceso de "tropicalización" polo quentamento dos océanos como principal causa, aínda que se contemplan outras causas de introdución.

PASIVIDADE DAS AUTORIDADES

Entre as novas especies aparecidas nos últimos anos atópanse, entre outras, o lagostino e o cangrexo azul, este último, especialmente agresivo e cuxa expansión tería consecuencias ecolóxicas e económicas "inimaxinables", alertaron xa hai tempo os científicos do GEMM, que lamentan a pasividade das autoridades.

"Desde as administracións públicas locais, autonómicas e nacionais faise caso omiso a esta auténtica catástrofe ambiental que empezamos a padecer xa hai case 40 anos", critican agora.

Os expertos alertan de que "cada vez son máis as especies exóticas que chegan a Galicia", das que "unha parte delas se converten en invasoras, poñendo en serio risco a produción de bivalvos e unha parte importante da economía de Galicia". 

O problema das especies exóticas e invasoras, engaden, é que "non actúan a curto prazo" e "cando se nota a súa acción co paso do tempo e se quere buscar unha solución xa é demasiado tarde, xa non se pode facer nada", avisan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta