Ollo, 800 quilómetros des estradas teñen perigo de colisión cun xabarín

Os avisos ao 012 de agricultores por este animal pasaron de 1.479 en 2017-18 a 3.022 en 2018-19.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/12/2019 | Actualizada ás 13:33

Comparte esta noticia

Un total de 296 tramos de estradas de titularidade da Xunta de Galicia suman 792 quilómetros de concentración de accidentes provocados por xabarís. Diso informou este venres na comisión de Agricultura a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, quen explicou que para fixar eses tramos de concentración de accidentes o cociente ten que ser dun atropelo de xabaril por quilómetro.

O deputado Xosé Luís Rivas, Mini (BNG), criticou a "incompetencia" e "improvisación" sobre a xestión do xabaril por parte da Xunta. Lamenta que non conta "con ningún censo medianamente fiable", á vez que decreta unha emerxencia cinexética "sen ter unha base científica".

Ademais, o deputado nacionalista denuncia que o teléfono de avisos sobre danos "non contesta ou sae unha máquina", polo que as compensacións por danos "non chegan a nada" e "a desesperanza é moita".

Nesta liña, José Manuel Pérez Seco (PSdeG) censurou o "fracaso actual do sistema de xestión do xabaril", cunha "masiva poboación" que "está descontrolada". Ademais, acusa á Xunta de "pór en perigo aos cazadores e a calquera persoa" que "se atopa ao aire libre".

"EN BASE A DATOS OBXECTIVOS"

En resposta, Do Campo defendeu que a declaración de emerxencia cinexética polo xabaril tómase "en base a datos obxectivos" como o aumento de danos e de accidentes de tráficos.

A isto únense os datos do Ministerio e un proxecto europeo, polos que se prevén que a poboación deste animal se duplique en 2025, afirmou. A continuación, sinala que os avisos ao 012 de agricultores pasaron de 1.479 en 2017-18 a 3.022 en 2018-19. Ademais, remarcou a importancia de conter a esta especie para evitar riscos sanitarios como a peste porcina africana. "Non se se queren que actuemos ou que non queren que actuemos", díxolle á oposición.

Por iso, Do Campo xustificou que se decidiu adoptar medidas para "axilizar" o control, "falado co sector" da caza. "Estamos a facer os nosos deberes", sostén.

Xabaril na estrada. EUROPA PRESS - Arquivo
Xabaril na estrada. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta