A Xunta defende as cotas de pesca da UE: "O sector artesanal ten futuro porque é polivalente"

A directora xeral de Pesca insiste no actual reparto de cotas porque "ten en conta todas as variables arredor da pesca artesanal". Nesta entrevista, Rodríguez Moreda defende os seus argumentos segundo os datos que ten a Consellería, aínda que entende que se poden facer máis polo miúdo.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/10/2019 | Actualizada ás 08:10

Comparte esta noticia

-O sector da pesca artesanal non está moi satisfeito, máis que nada co reparto de TAC (Topes Admisibles de Captura), non ven un reparto xusto para eles.

Mercedes Rodríguez Moreda, directora xeral de Pesca
Mercedes Rodríguez Moreda, directora xeral de Pesca | Fonte: Xunta

O que podo dicir sobre o reparto de cotas de pesca é un reparto feito desde a Administración central, non é unha cuestión que lle compete a autonomía. Ese reparto tamén se fixo en atención ás regras que establece a Lei de Pesca Marítima. Eses repartos foron entendidos como xustos polos tribunais coas últimas sentenzas do ano 2018 en relación coa orde do plan de xestión. O reparto das cotas de pesca hai que ter en conta diferentes consideración. Unha delas é a que normalmente recorda a xente, as capturas históricas. Estas capturas son os reportes de capturas feitas nun período de tempo as distintas modalidades de pesca. Tamén hai outras circunstancias como as socioeconómicas e os empregos xerados. Non obstante, podo dicir que o reparto de cotas actuais son máis beneficiosas para a pesca artesanal que os feitos en 2011. Aqueles repartos foron os primeiros que se fixeran e non tiveran en conta as circunstancias sociais e económicas como si fixeron as outras.

-Aínda así, o arrastre son sesenta ou setenta barcos e levan a mesma porcentaxe que máis de 3.000 barcos de pesca artesanal.
A porcentaxe ou número de barcos para cada arte hai que relativizalo tendo en conta a que se dedican todos eses barcos e os que hai. O problema, máis que de reparto en si, vén da escaseza de cota nalgunhas especies. Imaxino que lles afecta en particular o tema da xarda, pois ultimamente centra toda a cuestión. En especies como a pescada, onde tamén traballan as outras artes, aí non hai problema de esgotamento do TAC, polo menos no referente ás outras artes. O problema vén cando, repito, a cota que temos para repartir é escasa en relación ás posibilidades de todos, porque date de conta que a cota de xarda é pouca para artesanal, pouca para cerco e para as posibilidades que terían de pescar os barcos de arrastre. E por incrible que pareza, o TAC de xarda é tamén escaso para os outros estados membros da UE. Iso fai que os cartos que lle chega a cada un sexan moi poucos.

-E que aspectos se toman en consideración para repartir as cotas?
Hai que ter en conta o período en que se toma en consideración para as capturas históricas, o peso que ten cada unha das modalidades e repito, en calquera caso, houbo unha modificación moi importante beneficiando á flota artesanal polo seu peso socioeconómico.

-A vertebración social deste estilo de pesca estaría en risco nalgúns casos. Un punto relacionado con este tema é o custe monetario para ter a licencia ou competencia mariñeira. A administración autonómica ten algún plan para alentar ao traballo neste sector?
Se falamos do relevo xeracional, ese problema estase dando en todo o sector pesqueiro. Case podería dicir que os últimos en notalo, aínda que tamén o notan, son a xente da pesca artesanal. Os primeiros en sentir a falta de relevo xeracional son embarcacións de maior porte. Teñen problemas en todos os ámbitos, titulados e mariñeiros, pola propia dureza do oficio e polo descoñecemento tamén de como se traballa e como se pode gañar un salario no mar. Tamén de como esta actividade pode ser rendible e que, repito, non é unha situación exclusivamente galega ou española senón que tamén a nivel europeo tamén se está dando. As preocupacións da UE son a pesca artesanal e o relevo xeracional. É algo que está aí e nos preocupa a todas as administracións e a quen se dedica directa ou indirectamente no sector. Máis aínda, non sabemos como eliminar as ideas preconcibidas que ten a xente sobre o traballo no mar.

-Existen ideas preconcibidas, mais o feito de ter que facerte autónomo, contratar unha tripulación aínda que sexa mínima e a actividade ao mellor non dá para manter todo iso.
Se ti vas aos datos de pesca en Galicia, os datos de Ocupesca, a rendibilidade dos traballadores de pesca artesanal incrementouse durante os últimos anos. Eses datos de Ocupesca acreditan ese incremento da rendibilidade media por mariñeiro embarcado. Isto faise por sectores, entre eles o da baixura. Ademais os rendementos da primeira venda de pesca fresca en embarcacións da baixura tamén se incrementa notablemente. Cando falo de ideas preconcibidas, falo desde un punto de vista xeral. Os datos son concluíntes que se poden consultar. Eses mesmos datos de pesca, ás veces non están suficientemente desagregados, mais cando desagregamos podemos ver como a flota de baixura é a que mellora os rendementos. É unha flota moi polivalente, ten moitas posibilidades, a maioría non ten o cambio temporal de actividade, mais hai esa posiblidade, e están en disposición de ter esa rendibilidade.

-Si, están os datos, mais tamén están as declaracións dos mariñeiros e patróns maiores sobre o mesmo tema, que non son coincidentes coas táboas de Ocupesca.
Hai que mirar as dúas cousas, opinións e datos. As declaracións económicas son o que hai. Non estamos falando das impresións e logo están os datos. Pode irlle mal a unha empresa igual que a unha empresa en terra. Non se fala en xeral, os datos son datos medios e a regra xeral sobre eles é que se vai para arriba. Sobre todo cando falamos de tantísimas embarcacións.

-E o número de embarcacións de pesca artesanal é de máis de 3.000, isto tamén ten un peso de por si.
Se os datos van mellorando ano a ano, o número de barcos non se pode dicir que sexa elevado. O sistema que permite a alternancia de artes e distintas modalidades pesqueiras. Creo que eses datos acompañan o número de embarcacións. Mais para min, se ano a ano a rendibilidade económica vai mellorando por mariñeiro ou embarcación, creo que non podemos falar de sobrecapacidade. Se falamos de usar diferentes modalidades pesqueiras axeitándonos ás circunstancias do mar, falamos dunha flota multiespecífica cunha posiblidade de adaptación moi grande e por tanto creo que non está sobredimensionada.

-Outra cuestión son as reservas mariñas, uns non están a favor, outros si mais que deberan ampliar a extensión das reservas.
Desde a Consellería de Pesca non temos unha postura de si ou non a favor das reservas. Dependerá da zona onde se queira poñer, do que se queira protexer e das medidas que hai. Temos dúas en Galicia que están funcionando ben, a de Lira e a de Cedeira, e se funcionan é grazas a que o sector está no medio, senon dificilmente poden saír adiante. Ter en conta que a reserva mariña quere protexer os stocks pesqueiros e uns recursos que existen alí. Mais entendemos desde a Consellería que isto ten que ser compatible con respectar a pesca que se desenvolve alí. Todas as visións sobre este tema son lícitas. Cando se establece unha reserva tamén se establecen os límites. Se non marcas uns límites todo sería reserva mariña, por iso hai que ver moi ben onde e como se crea unha reserva mariña, como afecta á contorna e cal é a función.

-Ten futuro a pesca artesanal?
Ten todo o futuro. A pesca artesanal é unha pesca polivalente. Falamos dunha flota que ten posibilidades de adaptarse ao medio, ao tempo e iso é unha riqueza que existe en poucos sitios. Tamén hai que ter en conta que é unha actividade moi sostible, que ten moi en conta a conservación dos stocks e do medio ambiente.

-A creación dun selo de calidade axudaría a aumentar os ingresos desta flota?
Desde o ano 2008 a Consellería ten a marca “Pesca de Rías” para promocionar, defender e amparar os mellores prezos da pesca e do marisco da pesca artesanal. Estamos nuns números bos, cunha mellora anual. Os estudos din que temos uns prezos medios mellores que os de pesca non certificada. Tamén falamos de certificación das lonxas, estamos vinculados cun programa da USC, que é “Peixe en Verde” onde se reflicte a pouca pegada de carbono desta pesqueira. Esa marca está en numerosas lonxas, a última a lonxa de Ribeira. Os números de pesca certificada son moi importantes. Temos pesca certificada, conserva certificada, conxeladores certificados, que poñen o seu selo de “Pesca de Rías”, unha pesca con todas as garantías de trazabilidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta