Anulada a absolución da empregada do Sergas que accedeu ao historial da súa filla sen o seu consentimento

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ordena a repetición do xuízo.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 03/10/2019 | Actualizada ás 20:03

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) estimou o recurso de apelación dunha muller que denunciou á súa nai (traballadora do Sergas) por acceder ao seu historial médico sen o seu consentimento, e anulou a sentenza que absolvía a nai, ordenando a repetición do xuízo.

Edificio do Sergas
Edificio do Sergas | Fonte: xunta.gal

Este caso foi xulgado na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra. O tribunal provincial absolveu a acusada do delito de revelación de segredos, por considerar que non había proba de cargo suficiente, e entender que "non sería inverosímil" que a filla pedise á súa nai que accedese ao seu historial.

Ademais, a Audiencia, na súa resolución, sinalaba que non se podían descartar as "motivacións espúreas" da denunciante, debido á mala relación coa súa proxenitora.

A acusada realizou, entre xuño de 2012 e abril de 2014, case 70 entradas ao historial clínico electrónico da súa filla, pero a Audiencia considerou que non estaba suficientemente acreditado que eses accesos non tivesen o permiso da denunciante.

Agora, o alto tribunal galego revogou a absolución e sinala que o proceder da Audiencia "vulnera flagrantemente as regras da distribución da carga da proba e os parámetros da súa valoración, entre os que se atopan o de racionalidade probatoria e o de acatamento das máximas de experiencia".

Así, o TSXG sostén que, aínda que "o alcance exculpatorio das alegacións, escusas ou coartadas afirmadas pola acusada pertence ao ámbito da valoración da proba que compete en exclusiva ao tribunal que a presenza", neste caso a "necesaria explicación razoada brilla pola súa ausencia, seguramente porque non se produciu tal versión exculpatoria ou porque a que foi tida por tal (a acusada limitouse a afirmar que os accesos foron consentidos pola vítima) esgótase en si mesma".

O TSXG considera que, no recurso de apelación interposto pola filla, achéganse "razóns convincentes dos vicios nos que incorre a sentenza apelada", determinantes da súa nulidade "por erro na valoración da proba e, en particular, polo apartamento manifesto das máximas de experiencia, con vulneración das regras de distribución da carga probatoria, e pola omisión de todo razoamento sobre algunha das probas practicadas".

Os xuíces advirten de que a Audiencia "non se decata de que a propia presunción de inocencia da acusada en absoluto obriga a dar por sentada a veracidade das súas afirmacións, pois a carga da proba dos feitos exculpatorios naturalmente que recae sobre a defensa".

A iso sumar, segundo o alto tribunal, que a Audiencia "esquivou por completo polo menos unha corroboración periférica significativa de carácter obxectivo da declaración da vítima" como é "a constatable falta de correspondencia entre o considerable número de accesos realizados pola acusada á historia clínica electrónica da súa filla e as puntuais asistencias médicas que esta requiriu do Sergas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta