Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/09/2019 | Actualizada ás 09:00
A asociación animalista Libera avanzou este sábado que trasladará ao Valedor do Pobo, institución rexentada pola maxistrada María Dolores Fernández Galiño, a súa petición cidadá apoiada por 76.700 firmas para vetar a caza a nenos, tamén como acompañantes ou espectadores.
Segundo explica a organización nun comunicado, a lei galega de caza de 2013 establece nos 16 anos a idade mínima para portar armas e participar en batidas de forma activa. Así, os animalistas critican que o 'lobby' da caza "tentou rebaixar" este limiar ata os 14, algo que foi rexeitado, "aínda que lograron que non se establecese ningunha barreira para a súa participación como espectadores ou acompañantes".
Neste contexto, Libera sinala que o propio Comité dos Dereitos do Neno advertiu en 2018 a España sobre a intervención de menores como "novilleros" ou espectadores en eventos de tauromaquia. Así, tamén instou o Goberno central a "afastalos deste tipo de violencia", no que enmarcou tamén a caza, dado que estas convocatorias "non están exentas de risco".
Así mesmo, os animalistas aseguran que a propia Xunta "tratou de incentivar a incorporación de menores ás cazarías con convenios" nos que malgastou " miles de euros".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.