A CIG esixe á Xunta que "actúe" para evitar "a especulación" coa venda de Ferroatlántica SAU

Un informe encargado ao profesor da UDC Carlos Aymerich conclúe que debe ser autorizada previamente por Augas de Galicia.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 05/08/2019 | Actualizada ás 13:56

Comparte esta noticia

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e o portavoz desta central no comité de empresa das fábricas de Cee-Dumbría, Alfonso Mouzo, esixiron á Xunta que "actúe" para evitar "a especulación" coa venda da sociedade Ferroatlántica SAU --que inclúe as fábricas e as centrais hidroeléctricas nos ríos Xallas e Grande-- ao fondo TPG, tras cuestionar a legalidade da operación.

Fixérono na presentación dun informe encargado pola central sindical ao profesor titular de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña (UDC), Carlos Aymerich, que, entre outras cuestións, conclúe que, ao amparo da lexislación vixente, a venda "debe ser autorizada previa e expresamente por Augas de Galicia".

En rolda de prensa, Aymerich lembrou que a venda "se fai por transferencia de accións", motivo que, segundo explicou, alega a empresa para soster que "basta cunha comunicación" á Administración galega.

Con todo, fronte ao argumento da empresa de que non hai cambio de titular da concesión, o profesor da UDC defendeu que "si hai unha modificación porque os titulares últimos das accións si que cambian polo que sería necesaria a autorización previa".

Para iso, remitiuse, entre outros, ao artigo 63 do Texto Refundido da Lei de Augas (TRLA) e ao 103 do Regulamento de Dominio Público Hidráulico (RPDH), así como a informes do Consello de Estado e unha sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, de 2008, para incidir na necesidade desta autorización previa da venda.

"Se a concesionaria se limita a presentar ante a Administración unha mera comunicación, esta deberá cualificala como solicitude de autorización e resolver o procedemento correspondente", expuxo en liña coa esixencia feita polos representantes da CIG.

EXTINCIÓN DA CONCESIÓN

Por outra banda, o informe sostén que se a venda se fixese efectiva sen previa autorización, Augas de Galicia debería declarar a extinción da concesión. Mentres, advirte que a venda podería supor "un incumprimento da cláusula de vinculación societaria".

"Na medida en que a actividade industrial vai seguir sendo xestionada directamente polo Grupo Ferroatlántica", sostivo o profesor Aymerich, que apelou a garantir o "interese público" do mantemento do emprego. Por iso, requiriu unha actuación "activa e dilixente" por parte da Administración galega, dixo sen descartar que "na práctica só se estean transferindo as centrais, non as fábricas".

Á vista destas conclusións, o secretario xeral da CIG esixiu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e ao conselleiro de Industria, Francisco Conde, que "actúen de inmediato" para evitar unha posible "operación fraudulenta". "Non estamos ante unha operación limpa, senón ilegal", insistiu.

Pola súa banda, Alfonso Mouzo considerou que, con esta operación, "a empresa volve ás andadas, con subterfuxios legais", engadiu en alusión aos intentos de segregación da actividade. "Esiximos á Xunta que actúe igual que fixo hai dous anos e diga se a operación está ben feita ou non", algo que puxo en dúbida.

Protesta de traballadores de Ferroatlántica. CIG - Arquivo
Protesta de traballadores de Ferroatlántica. CIG - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta