Falece Celso Parada, unha figura esencial no teatro galego

O actor e director formou parte da xeración que deu inicio á profesionalización desta disciplina artística no noso país.

Por Galicia Confidencial | LUGO | 03/08/2019 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

O actor e director Celso Parada faleceu hoxe, despois dunha longa loita contra a enfermidade. O moañés fora o fundador do Teatro do Morcego e convertérase nunha figura fundamental do teatro galego das últimas décadas.

Celso Parada | Revista Galega de Teatro
Celso Parada | Revista Galega de Teatro

Parada é unha das figuras máis salientables da xeración que deu inicio ao teatro galego profesional. Formado xunto a figuras como Ryzard Cieslak, Etelvino Vázquez ou Victor Rotelli, a súa longa carreira incluíu ducias de espectáculos, especialmente coas compañías Vía Láctea (Ubu rei, Rapsodia Pimenteliana, Misterio cómico, Macbett…), Teatro do Morcego, da que foi fundador (O Lazariño de Tormes, Morte accidental dun anarquista, Os vellos non deben de namorarse, A gran ilusión, Momo, A farsa do bululú, O burgués fidalgo…) e co Centro Dramático Galego (A comedia do gurgullo, O colaborador, A cacatúa verde, O regreso ao deserto…). 

Así, foi recoñecido por numerosos galardóns como o Premio Compostela ao mellor actor protagonista por Misterio Cómico, dirixido por Júlio Cardoso, en 1992; o Premio María Casares ao mellor texto adaptado polo Lazariño de Tormes, en 1998; o Xograr de Outono do Festival Outono de Teatro de Carballo en 2005; ou o Premio Roberto Vidal Bolaño ao Mérito Teatral en 2006.

O pasado marzo, Celso Parada foi nomeado Académico de Honra pola Academia Galega de Teatro. A Mostra de Cangas exhibiu até o pasado 31 de xullo unha exposición que celebraba o trixésimo aniversario da compañía Teatro do Morcego.

Ademais da súa importancia no mundo do teatro, tamén se lembra polo seu paso en series míticas da Televisión de Galicia, como Libro de familia, onde encarnaba a Armando Freire.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Anonimo

Unico e irrepetible ... o mellor no teatro de galicia ... gracias por tantas noites de teatro no auditorio e pegada a televisor. un vacío inmenso ...DEP. Auditorio Celso Parada en Moaña xa!!