Dimite a Valedora do Pobo case catro meses despois do fallo do Supremo que forzou a súa saída

A decisión prodúcese días despois de coñecerse que solicitara un incremento do seu salario e do resto do persoal da institución.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/07/2019 | Actualizada ás 13:19

Comparte esta noticia

A valedora do Pobo, Milagros Otero, rexistrou este martes ante o Parlamento de Galicia a súa renuncia ao cargo. A dimisión de Otero prodúcese case catro meses despois de que o Tribunal Supremo desestimase o seu recurso contra a condena do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) pola desginación dentro da insitución de María Puy, irmá do portavoz parlamentario do PPdeG e sobriña do expresidente Manuel Fraga.

Segundo confirmaron a Europa Press fontes parlamentarias, Otero presentou un escrito de dimisión na Cámara na mañá deste martes. Este paso prodúcese días despois de coñecerse que solicitou un incremento do seu salario e do resto do persoal do Alto Comisionado do Parlamento en virtude da aplicación do acordo alcanzado a principios deste ano entre a Xunta e os sindicatos para a actualización das retribucións dos empregados públicos.

A principios do mes de abril, tras coñecerse a desestimación do recurso por parte do TS, Otero vinculou a súa renuncia ao cargo a que o Parlamento, órgano encargado de designar o Valedor do Pobo, acordase a persoa que a substituiría tanto a ela como ao vicevaledor, Pablo Cameselle.

A valedora do Pobo, Milagros Otero. VALEDOR DO POBO - Arquivo
A valedora do Pobo, Milagros Otero. VALEDOR DO POBO - Arquivo | Fonte: Europa Press

"Foi unha honra para min servir a Galicia, o que fixen en todo momento coa lealdade, responsabilidade e honestidade que esta posición requiría", indica Milagros Otero no seu documento de renuncia, presentado no rexistro do Pazo do Hórreo minutos antes das 12,00 horas deste martes.

Otero, que ocupaba o cargo de valedora desde setembro de 2015, dirixe o escrito ao presidente do Parlamento, Miguel Anxo Santalices, como continuación da carta remitida á Cámara o 12 de abril de 2019 na que, días despois de coñecerse o fallo do TS, puxo o seu cargo a disposición do Lexislativo, que é o órgano que a nomeou a proposta do PP.

Con todo, vinculaba a súa saída a que os grupos acordasen a súa substitución e a do seu 'número dous' na institución, Pablo Cameselle (proposto polo PSdeG). Entón, xustificou a súa postura en que pretendía "garantir á cidadanía" que as súas queixas continuasen sendo tramitadas "con normalidade como ata o momento". "A valedora seguirá exercendo ata o último día co mesmo rigor, profesionalidade e independencia a súa importante tarefa na defensa dos dereitos das persoas", sentenciou en abril de 2012 nun comunicado remitido aos medios.

O TSXG FALLOU QUE HOUBO DESVÍO DE PODER

En xuño de 2018, a Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) estimou o recurso dun dos participantes no proceso de selección, a diario de libre designación, do posto de xefe de servizo de Administración e Persoal, que recaeu en María Puy Fraga, irmá do voceiro parlamentario do PP, Pedro Puy Fraga.

O alto tribunal galego considerou probado que a valedora influíu no proceso para que o posto recaese en María Puy Fraga, filla do catedrático de Dereito do que é discípula académica Otero, quen, segundo o TSXG, actuou con "arbitrariedade" e cometeu un "desvío de poder".

Segundo o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a actual valedora do Pobo influíu no proceso de selección do posto de xefe de servizo de Administración e Persoal para que recaese na filla do catedrático de Dereito do que Milagros Otero é discípula académica --como recoñeceu en sede parlamentaria--.

SEGUNDO VALEDOR EN RENUNCIAR

Confirmada a súa dimisión, Milagros Otero convértase na segunda persoa en saír obrigada da defensoría galega despois da dimisión en 2012 de Benigno López, nomeado cinco anos antes.

Nesa ocasión, López acabou deixando o cargo presionado polas críticas da oposición, tras efectuar unhas declaracións sobre os recortes sanitarios nas que suxería aplicar recortes e "suspender" a Lei de Dependencia en plena crise económica.

Pero hai unha diferenza entre a decisión que adoptou entón Benigno López e o caso de Milagros Otero. Este, maxistrado do TSXG, renunciou a seguir no posto e, de forma automática, isto supuxo que o vicevaledor, José Julio Fernández (nomeado a proposta do PP), asumise en maio de 2012 as rendas do alto comisionado --unha situación que se prolongou máis de tres anos--.

A renovación dos cargos do alto comisionado, que vive desde 2007 un período convulso fronte ao consenso dos anteriores valedores (José Cora e José Ramón Vázquez Sandes --como lembran quen conviviron con eles na Cámara galega-- dependen dunha maioría reforzada de 3/5 da Cámara galega. É dicir, son necesarios os votos polo menos do PP (con 41) e doutro dos tres grupos parlamentarios para conseguir os 45 necesarios.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Milagritos, a lealdade, xa sabemos a quén, e a honestidade , nin se che supón.