Baiona celebra o 520 aniversario do mercado de Sabarís

O Concello de Baiona xa ten todo preparado para celebrar este domingo o 520 aniversario do Mercado de Sabarís cunha feira medieval na que haberá pasarrúas, actuacións e un recinto con máis de 70 artesáns.

Por GC Tendencias | Baiona | 28/05/2017

Disparos de salvas, pasarrúas, grupos de gaitas, mercado medieval con artesanía e anticuarios, espectáculo de fogos, actuacións cómicas e circenses... Sabarís prepárase para conmemorar este domingo por todo o alto unha data histórica: o 520 aniversario do Mercado de Sabarís, un dos máis antigos de Galicia ao ser autorizado polos Reis Católicos en 1497.

“A implicación e colaboración de todos os veciños, comerciantes, asociacións e colectivos foi fantástica, existiu unha total implicación e o Concello estaría disposto a consolidar a cita como a gran festa de Sabarís para por en valor o patrimonio e a cultura da parroquia”, afirma a concelleira María Iglesias, encargada xunto ao edil Policarpo Vilar da organización e a coordinación cos colectivos Coemsa (Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sabarís), Castro e Ladeira (Asociación de Veciños) e Encaixamos (Asociación de Persoas con Discapacidade do Val Miñor) para os preparativos da celebración.

Os actos comezarán as dez da mañá do domingo co disparo de salvas e continuarán cun pasarrúas e desfile inaugural amenizado polo grupo Trip Malabart. Ás 12:00 horas actuará o grupo de gaitas A Seneira de Baiona e as 13:00 horas, na Praza Victoria Cadaval, celebrarase o acto inaugural de apertura do mercado medieval. Ás 13:15 horas será o momento da exhibición circense con malabares, acrobacias, teatro e clown, mentres que xa pola tarde continuarán as actuacións e os espectáculos de fogo. O Mercado de Sabaryz pechará ás 21:00 horas.

Mercado de artesanía e cortes de tráfico

O núcleo central da feira será a Praza Victoria Cadaval, onde se instalarán máis de 70 postos de artesáns, todos eles con produtos de elaboración propia, e anticuarios. Ademais, todos os establecementos hostaleiros teñen a posibilidade de instalarse no mercado e serán os encargados da oferta gastronómica. Tamén haberá postos dos colectivos Castro e Ladeira e Encaixamos.

Os preparativos e a celebración do Mercado Medieval de Sabaryz obrigan a realizar cortes de tráfico, polo que o Concello tamén informou de que dende o sábado ata última hora do domingo as principais rúas da parroquia estarán restrinxidas á circulación. Así, dende as 10:00 horas da mañá do sábado ata as 21:00 horas do domingo quedará cortado o tramo entre a Praza Victoria Cadaval e a rúa Julián Valverde, á altura da Avenida José Pereira Troncoco. Tamén, a partir das 21:00 horas do sábado e durante toda a noite pechará o tramo entre Julián Valverde e o cruce de Frutas Vilar para levar a cabo a instalación dos postos do mercado.

Privilexio dos Reis Católicos

A primeira referencia documentada do Mercado de Sabarís data do ano 1497, cando os Reis Católicos concederon o privilexio á Real Vila de Baiona para celebrar un “mercado de mantenimientos de pan y de vino en Monterreal” co obxectivo de estimular e reforzar a repoboación da Fortaleza. “A partires de entón o Monterreal disporía dun mercado que non era do agrado e nunca gozou do interese dos veciños e feirantes por encontrarse nunha zona que non era a máis adecuada para eles polo seu difícil acceso”, explica Cristina Vilar Misa, directora do Arquivo Histórico e a Biblioteca Municipal de Baiona.

A documentación analizada pola directora confirma que Sabarís sempre foi o lugar elixido polos veciños e feirantes. “Mentres celebrábase o mercado nas rúas intramuros (Plaça y Rúa del Malcozynado), feirantes e regateiras queixábanse en diferentes puntos de extramuros, como na Vila Vella, o Burgo e na calzada de Sabarís. Durante 400 anos a pugna por establecer o mercado fóra da Fortaleza foi constante”, engade Cristina Vilar.

No último terzo do século XIX a Fortificación do Monterreal foi declarada en ruína, polo que aquela feira é a mesma que hoxe en día se celebra en Sabarís. Pero o vasto e rico Arquivo Histórico de Baiona amosa tamén outros apuntes de interese. “Houbo peticións á Coroa no século XVI por parte do correxidor da Vila para que se estableceran dúas feiras francas, ambas extramuros. Unha delas na ermida do Burgo e  outra en Nosa Señora de Cela (Baredo), aínda que non temos constancia ata o de agora de que ningunha delas chegase a celebrarse”, apunta a directora do Arquivo Municipal.

A TÚA ACHEGA FAI QUE GC POIDA PUBLICAR NOVAS COMA ESTA. SÓ DEPENDEMOS DE TI.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Cartaz Mercado Medieval Sabaryz