O Camiño Primitivo: de Grandas a Lugo

Un dos tramos máis fermosos dos Camiños de Santiago. A semana pasada cruzamos as montañas da Fonsagrada e viaxamos pola máis antiga ruta a Compostela.

Por Homo ambulans - Guido Álvarez | Lugo | 28/12/2016

Paisaxes eonaviegas na etapa de Grandas de Salime á Fonsagrada (Foto: Guido Álvarez Parga)

O primeiro Camiño de Santiago coñecido. Preto de 1200 anos de historia xacobea... e quen sabe cantos tiña xa daquelas (guiándonos polo patrimonio arqueolóxico), cando o rei Alfonso II converteuse, ou iso din, no primeiro peregrino a Compostela.

Dolmen de Montouto, a máis de 1000 metros de altitude (Foto: Guido Álvarez Parga)

Él comezou o camiño en Oviedo, pero hoxe en día peregrinos de toda Europa suben dende León, polo Camiño de Santiago Real, para chegar a Compostela a través destes sendeiros milenarios que a UNESCO declarou no 2015 como Patrimonio Mundial da Humanidade.

Igrexa de Santa María Magdalena (s. XVII) no concello de Grandas (Foto: Guido Álvarez Parga)

Pois a semana pasada, coincidindo co solsticio de inverno, animámonos un amigo e eu a facer as 3 etapas  que separan a Grandas (de paso obrigado dende o ano 1222, no reinado de Alfonso IX) e Lugo (a cidade máis antiga de Galicia, e que lle suma ó Camiño outros dous Patrimonios Mundiais: a Muralla Romana, do século III,  e a Catedral de Santa María, do século XII).

¡Que acerto o de experimentar estas andainas no mes de decembro! Como digo eu, o outono-inverno sempre é especial para viaxar a calquer parte... un sempre atopa un ambiente máis auténtico e xenuino! E desta vez non foi excepción. Conversamos con calma nos bares, estivemos cómodos nos albergues, e camuflámonos moito mellor nas atmósferas locais.

O primeiro café antes de comezar a ruta, no Café-Bar Centro de Grandas (Foto: Guido Álvarez Parga)

Da primeira etapa destacaría esa gran subida dende os 570 metros de Grandas ata os máis de 1000 do Alto do Acevo... esas fermosas paisaxes xeadas, e esa linda fala eonaviega que tanta semellanza ten coas variantes da Mariña, da Fonsagrada, dos Ancares... bo camín!

Paisaxes xeadas eonaviegas no concello de Grandas (Foto: Guido Álvarez Parga)

Como consello para futuros peregrinos, tede en conta que nas datas invernais poden estar pechados os dous bares entre Grandas e Barbeitos... nós comemos xa a só 7 quilómetros da Fonsagrada! Así que ven ben levar provisións para picar algo a media mañá.

Un paporroibo entre Grandas e A Fonsagrada (Foto: Guido Álvarez Parga)

A segunda destas etapas (A Fonsagrada – O Cádavo) ten para min unha compoñente emotiva persoal: son estes os camiños polos que o meu avó paterno Manuel, oriúndo de Xestoso da Fontaneira, camiñaba hai máis dun século para ir dende a súa aldea ata o mercado da Fonsagrada. Emigrou á Arxentina moi pronto (a comezos do século XX), e seguramente este feito (que para min sexa lenda, pois non cheguei a coñecelo) sume aínda máis na miña emoción particular cando paso pola Fontaneira.

 

Na parroquia da Fontaneira, preto de Xestoso, onde naceu o meu avó Manuel

A parte do persoal, desta etapa de 24 quilómetros polas montañas fonsagradinas, suliñaría moi particularmente o Alto do Hospital (onde está o Dolmen de Montouto, fotografía máis arriba), o patrimonio etnográfico no que destacan notablemente os cabozos, e as fermosas vistas verdes e onduladas. ¡Qué marabilla!

Un cabozo fonsagradino (Foto: Guido Álvarez Parga)

 

Montañas da Fonsagrada (Foto: Guido Álvarez Parga)

Para o terceiro día unha etapa máis suave, e cun final apoteósico: a chegada á máis antiga capital galega: a vella Lucus Augusti! Algo máis de 30 quilómetros dende O Cádavo.

Albergue de peregrinos do Cádavo, no concello de Baleira (Foto: Guido Álvarez Parga)

O concello de Castroverde regalounos fermosos momentos como o desfrutar do solsticio na “catedral” de Santa María de Vilabade (s. XVI), sentarnos cos nenos do paraugas (estatua/fonte no centro do concello), ou conversar un rato cunha píntega.

Pazo e igrexa de Santa María de Vilabade (Foto: Guido Álvarez Parga)

Unha píntega á saída de Castroverde (Foto: Guido Álvarez Parga)

Últimos 20 quilómetros antes da chegada ó bosque sagrado de Augusto... e aquí comprendemos un pouco mellor porqué os romanos decidiron asentarse nesa altura das Terras do Miño (hoxe en día reserva da Biosfera UNESCO): territorio menos montañoso que os previos, rodeada de montóns de ríos, cun entorno natural formidable, e a un paso do mar.

Un cadeliño de Castroverde (Foto: Guido Álvarez Parga)

Dos ríos máis importantes cruzamos o Chamoso, o Romeán... e varios regos con sona: Angueiro, San Paio, Pelamios, do Couto, do Muíño, do Carballido... ¿e cal nos faltaba para chegar á Muralla? O río da Chanca.

Ponte da Chanca (1871-1874), chegada a Lugo (Foto: Guido Álvarez Parga)

Cruzamos o barrio que leva o seu nome mentres avistamos unha das contruccións recentes (para unha cidade bimilenaria, claro) máis simbólicas e queridas polos lucenses: a vella ponte do ferrocarril (construída entre 1871 e 1874).

Con Sebastián Porto na subida dende A Chanca ata a Muralla Romana. Plano da cidade de Lugo

 

E así chegamos á fin da nosa aventura. Na nosa cidade, a dos tres Patrimonios da Humanidade (Camiño Primitivo, Muralla Romana e Catedral), unha das poucas capitais de provincia (a nivel mundial) ubicada dentro dunha Reserva da Biosfera UNESCO, e a cidade máis vella do noroeste ibérico.

Muralla Romana de Lugo, e Catedral de Santa María (Foto: Guido Álvarez Parga)

Catedral de Santa María, do século XII (Foto: Guido Álvarez Parga)

O barrio medieval da Tinería, e a Porta Miñá (Foto: Guido Álvarez Parga)

Despois dun pequeno paseo polo centro histórico (desta vez non visitamos todo, pois temos todos os días do ano para facelo), cada un tomou o seu camiño: Sebas cara o sur da cidade, e eu cara o oeste... cara O Carme, o meu barrio, por onde o Camiño Primitivo continúa rumbo a Santiago...

O Camiño Primitivo no lucense barrio do Carme (Foto: Guido Álvarez Parga)

Regueiro das Hortas, Camiño Primitivo no lucense barrio do Carme (Foto: Guido Álvarez Parga)

O fito do Camiño máis próximo á miña casa, a 102,290 km. de Santiago (Foto: Guido Álvarez Parga)

Polo barrio de San Froilán e da Vía Romana XIX remataron tres formidables días de aventura, no fito máis próximo á miña casa, o da Ronda do Carme, a 102,290 quilómetros de Santiago... Unha aventura moi sinxela de facer para calquer galego, e sobre todo para calquer lucense. Basta coller o autobús da Fonsagrada na estación de Lugo... por 7,50 €! Un chisco máis para ir ata Grandas (nos fomos nun taxi por 25 € en total)… pero en todo caso un gasto pequeno en comparación coas vivencias deste gran roteiro pola nosa historia.

 


Guido Álvarez Parga (Lugo, 1985). Guía Oficial de Turismo de Galicia. Diplomado en Turismo, máster en Planificación e máster internacional en Paisaxes Culturais. Percorrido formativo e laboral en varios países europeos (Francia, Alemaña, Italia e Reino Unido).

www.guidoalvarezparga.com

Twitter: @guidoalvarezp / Páxina de FB: guidoalvarezp / Flickr: guidoalvarezparga

Máis artigos de Guido Álvarez aquí.

A TÚA ACHEGA FAI QUE GC POIDA PUBLICAR NOVAS COMA ESTA. SÓ DEPENDEMOS DE TI.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Camiño Primitivo entre Grandas de Salime e A Fonsagrada / Guido Álvarez