Non hai auga máis segura que a da billa

Analizamos porque a auga da traída é máis recomendábel dende o punto de vista da saúde que as alternativas embotelladas e os filtros “purificadores”.

Por GC Tendencias | Santiago de Compostela | 23/11/2016

Descoñecidos no país até hai non tantos anos, nalgunhas cociñas comezan a inzar os chamados filtros de ósmose. A súa pretendida finalidade é facer máis saudábel a auga da billa.  Pero son necesarios en realidade?
 
É unha pregunta relevante sobre todo dado o seu prezo. Hainos dende pouco máis de 100 euros, pero tamén podemos atopar trebellos que andan polos 400 euros. Ademais, periódicamente hai que cambiar os filtros, que non acostuman a baixar dos 30 euros.
 
A resposta é simple: en realidade non son necesarios. Incluso poden ser un malgasto; basicamente porque a auga da billa é potable e cumpre todas as normativas de calidade establecidas pola lexislación.
 
É máis, dende o punto de vista sanitario debemos reflexionar o seguinte. A auga da traída é vixiada constantemente. As veces saltan alertas, como o ano pasado en Ferrol, pero sempre antes de que a auga sexa susceptíbel de crear problemas. 
 
Polo contrario, se non se elixen adecuadamente estes dispositivos “purificadores”, poden aparecer riscos, como a desmineralización excesiva da auga ou concentracións elevadas de sodio. Ademais, se non se fai o mantemento recomendado, poderían aparecer riscos máis inminentes para a saúde, como a contaminación por bacterias.
 
Algo similar pódese dicir da auga embotellada. As noticias de retirada de remesas de botellas de auga son, senón constantes, tampoco infrecuentes. En España, só neste ano houbo retiradas de produtos de Eden Springs e Fontarel. Incluso unha empresa, Aigües del Pirineu, tivo que pechar definitivamente despois de que as súas botellas infectaran a máis de 4.000 persoas cun norovirus, causando gastroenterite. 
 
Fronte a estes riscos, a auga da billa dá máis garantias. Dende Viaqua, empresa que xestiona a traída en cidades galegas como Pontevedra ou Santiago, garanten que “a auga que chega aos fogares é a auga máis controlada”. 
 
E logo? A compañía explica que analiza a presenza de máis 90 parámetros de tipo microbiolóxico, químico e físico. Todos estes parámetros son controlados sistematicamente nun laboratorio acreditado, de acordo co esixido pola Lei e conforme á norma ISO 17025. Ademais, realízanse tamén de continuo análises de turxidez, temperatura, acidez (PH). Por riba, contrólase o cloro libre da auga de consumo en diferentes puntos da rede de distribución, para asegurar a presenza dunha dose mínima deste compoñente, como garantía sanitaria adicional.
 
En definitiva, a billa proporciónanos un produto moito máis seguro que o que conseguimos a través dos “purificadores” e incluso a auga embotellada. Ademais, aínda que sexa outro tema, resulta, na maioría das circunstancias, moito máis ecolóxica e, por suposto, barata.

A TÚA ACHEGA FAI QUE GC POIDA PUBLICAR NOVAS COMA ESTA. SÓ DEPENDEMOS DE TI.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Auga da billa.