A illa das marabillas

Retranca Editora recupera unha alfaia do cómic galego.

Por Elipses e sombras - Eduardo Maroño | A Coruña | 28/09/2016

552139_396151673825712_999837618_n

Título: Impresiones de la isla; Autora: Carlos Portela e Fernando Iglesias; Editorial: Retranca; Ano: 2016

Nos anos 90, a dura competencia entre as editoras de tebeo superheroico e a irrupción do manga, co fenómeno Dragon Ball á cabeza, asolagaban o mercado español do cómic sen que apenas quedara espazo para produtos doutra natureza. Iniciativas como a de Camaleón, unha pequena editorial con sede en Mallorca, supuxeron un intento case heroico de engadir algo diversidade ao mercado e dar abeiro a un amplo colectivo de autores que, dende a desaparición das revistas de cómic a finais dos 80, carecían de plataformas axeitadas nas que publicar os seus traballos. Foi en Camaleón onde dous galegos, Carlos Portela e Fernando Iglesias “Kohell”, publicaron Impresiones de la isla, un cómic que, malia o seu breve percorrido (tan só dous números aparecidos entre 1993 e 1994), deixou unha forte pegada nunha xeración de lectores.

Se os 90 foron no cómic comercial anos de balbordo e pirotecnia, Impresiones de la isla discorría nunha dirección claramente oposta. Nas súas páxinas atopamos un puro divertimento, un relato repleto de fantasía e imaxinación que reivindica o sentido lúdico e a inocencia na ollada. O primeiro capítulo narra a aterraxe nunha illa (“a illa”) da bala de canón na que viaxa Hippolitus H. Oc, posteriormente rebautizado como Preguntoiro Floral. As páxinas seguintes describen o encontro de Preguntoiro coa paisaxe natural e humana dun illote que resulta non ser tal, xa que se despraza polo océano sen rumbo definido. Coma Alicia ou o Pequeno Nemo, Preguntoiro é o emisario da nosa realidade nun mundo repleto de marabillas pero suxeito tamén ás súas propias normas. Portela e Iglesias sitúan ao lector perante un catálogo de personaxes singulares, coas súas teimas e os seus dramas, ao tempo que intentan contaxiar as sensacións de sorpresa e marabilla que experimenta o protagonista.

Impresiones de la isla funciona tamén como unha elegante homenaxe aos pioneiros da banda deseñada. O deseño de personaxes, os escenarios ou mesmo o argumento aluden abertamente a algunhas das figuras máis relevantes das tiras de cómic norteamericanas de principios do século, nomes coma Winsor McCay, George Herriman, E.C. Segar ou George McManus. Mais a influenza destes autores vai máis aló do simplemente estético, xa que Portela e Iglesias recollen tamén a súa arela de transcender calquera convención e explorar todas as posibilidades expresivas do cómic e a súa linguaxe. Cada páxina de Impresiones de la isla érguese como un escenario no que as secuencias se suceden sen necesidade de viñetas, formando un requintado labirinto de figuras e texto no que sempre queda unha vía para que o lector se mova con facilidade. Lonxe de ficar nun formalismo baleiro, o resultado abraia tanto pola súa beleza estética como pola súa finura narrativa.

Aínda que o mercado da banda deseñada é hoxe moito máis diverso que nos anos 90, son poucos os autores que dende entón teñen percorrido o camiño aberto por Portela e Iglesias. Ambos crearon un artefacto que non ten outro propósito que agradar ao lector presentando un discurso amable nun sofisticado envoltorio formal. A súa obra é un poderoso exercicio de estilo, así coma unha eficaz defensa do espírito lúdico e a procura da complicidade co lector coma alicerces dunha proposta sólida e perdurable. O feito de non ter creado escola non lle resta valor á obra, ao contrario, Impresiones en la isla é en si mesma unha illa, unha alfaia que brilla pola súa singularidade no pasado recente da nosa banda deseñada. A excelente reedición de Retranca Editora, en formato grande, con abundantes extras e un exquisito respecto polo material orixinal, permite achegala a unha nova xeración de lectores na súa mellor versión.


Eduardo Maroño

Coruñés, do Barrio de Monte Alto, vai para dez anos que escribe sobre cómics en lugares diversos: no seu blog Un ollo de vidro, na páxina culturagalega.org, onde asina a columna Paisaxes de papel, no xornal Praza Pública, e tamén en Galicia Confidencial. Este será un espazo para falar de banda deseñada, as súas obras e os seus autores, de Galicia e do resto do universo.

Le máis artigos de Eduardo Maroño aquí.

 

A TÚA ACHEGA FAI QUE GC POIDA PUBLICAR NOVAS COMA ESTA. SÓ DEPENDEMOS DE TI.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe