O western sobrenatural de Emma Ríos

En apenas cinco anos, a galega Emma Ríos pasou de ser unha debutante no mercado do cómic norteamericano a encadear proxectos para Marvel Comics, a maior editora de banda deseñada do planeta. A finais do ano pasado vía a luz o primeiro número de "Pretty deadly" (Image Comics), a cabeceira creada por Ríos en colaboración coa escritora Kelly Sue DeConnick. O colaborador de GCTendencias e experto en banda deseñada, Eduardo Maroño, analiza a nova obra de Emma Ríos.

Por GC Tendencias | Galicia | 17/06/2014

Título: Pretty deadly Vol. 1: The Shrike. Autoras: Kelly Sue DeConnick, Emma Ríos, Jordie Bellaire. Editorial: Image Comics

552139_396151673825712_999837618_n

En apenas cinco anos, a galega Emma Ríos pasou de ser unha debutante no mercado do cómic norteamericano a encadear proxectos para Marvel Comics, a maior e máis popular editora de banda deseñada do planeta. Neste tempo, Ríos non só tivo ocasión de colaborar con figuras relevantes do cómic comercial norteamericano (Mark Waid, Dan Slott) e ofrecer a súa versión de superheroes icónicos coma Spiderman ou Daredevil, senón que o seu traballo gozou da difusión global que só unha editora coma Marvel é quen de proporcionar. Pode sorprender que, nun momento crucial para consolidar a súa posición nun mercado tan competitivo, Ríos optase por deixar aparcada, aínda que fose temporalmente, a súa colaboración con Marvel para lanzar un proxecto de creación propia. Sen embargo, a decisión resulta coherente cunha traxectoria caracterizada polo marcado perfil autorial de todos os seus traballos previos e por ter optado, xa nos seus inicios, pola autoedición.

A finais do ano pasado vía a luz o primeiro número de Pretty deadly, a cabeceira creada por Ríos en colaboración coa escritora Kelly Sue DeConnick, coa que coincidiu en Marvel, e publicada baixo o selo de Image Comics, unha editora que xoga no mesmo terreo que Marvel ou DC pero que, ao contrario que aquelas, permite que os autores conserven a propiedade sobre as súas creacións. Nos primeiros cinco capítulos da serie, compilados baixo o título The shrike, atopamos un western sobrenatural no que a acción e a fantasía comparten espazo cunha atinada combinación de elementos propios doutras tradicións narrativas. A proposta de DeConnick parte dun escenario tomado dos relatos do Oeste na súa versión máis violenta e crepuscular para ofrecer unha fábula macabra, unha historia de amor tráxico e sentimentos extremos na que non faltan alusións bíblicas ou referencias folclóricas (o primeiro capítulo ábrese cun cantar de cego, sen dúbida máis familiar para o lector galego que para o norteamericano). Polas páxinas de Pretty deadly circulan nenas disfrazadas de voitre, espíritos vingadores, corvos que falan e mulleres encerradas en torres, tópicos da tradición fantástica, do gótico americano ou mesmo da novela romántica que DeConnick consegue gobernar sen soterrar a narración nin caer no pastiche. Pola contra, a escritora é quen de combinar este caudal referencial e poñelo ao servizo da historia, dando lugar a un peculiar imaxinario que poderá ser desenvolvido máis aló deste arco inaugural.

Imprescindible para darlle consistencia ao seu labor é o desenvolvemento gráfico dunha Ríos que foi quen de recrear a atmosfera visual que precisa o relato, levando os espazos recorrentes do western á fronteira co fantástico ou o macabro. É moi de salientar tamén a contundente definición gráfica do elenco de protagonistas, personaxes dunha fasquía tan extrema coma as paixóns que abeiran. Polo demais, Ríos permanece neste novo traballo fiel ao seu estilo, ofrecendo a mellor versión das características que definían xa as súas primeiras creacións: o dinamismo, o gusto polas escenas de acción, a influenza do cinema, así coma unha persoal síntese gráfica na que, aínda que soe a tópico, podemos rastrexar influenzas do manga, da tradición europea e do cómic norteamericano. Non podemos deixar de mencionar o seu excelente labor nas cubertas de cada capítulo, ilustracións a dobre páxina minuciosamente detalladas e de forte simbolismo, que revelan o coidado con que a debuxante abordou este traballo. Unha mágoa que a edición en capa dura atenúe o seu efecto ao apareceren reproducidas en páxinas interiores a dobre cara.

Podemos dicir xa que a aposta de Ríos e DeConnick foi un éxito. A acollida crítica de Pretty Deadly está a ser positiva, as vendas superaron os prognósticos máis optimistas e a industria do cómic estadounidense vén de recoñecer a cabeceira con catro candidaturas aos prestixiosos Premios Eisner, con DeConnick, Ríos e tamén a colorista Jordie Bellaire nominadas. A serie segue a discorrer na actualidade co mesmo equipo creativo e é probable que sexa publicada en castelán antes de que finalice o ano. Pero máis aló do éxito deste proxecto, o que se nos antolla como realmente importante é que, calquera que sexa a relación de Ríos coa industria do cómic comercial de aquí cara o futuro, siga atopando as fórmulas que lle permitan desenvolver unha carreira dende as súas propias claves creativas.

A TÚA ACHEGA FAI QUE GC POIDA PUBLICAR NOVAS COMA ESTA. SÓ DEPENDEMOS DE TI.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Pretty Deadly