Redes sociais: un novo reto para os fact-checkers

De que maneira están a cambiar as redes sociais o xornalismo? Están a modificar a forma de exercer a profesión? Quen verifica o que se difunde nas redes sociais e pasa a ser publicado nun xornal? Que é verdade e que non? Estas son algunhas preguntas que aínda hai que resolver no eido da información xerada e distribuída en internet e, en particular, nas redes sociais, onde a inmediatez e as présas xogan contra o rigor e a profundidade do labor xornalístico.

Por Alberto Quian | Madrid | 21/11/2011

Comparte esta noticia

A rede de información Twitter –coincido co criterio de Ben Parr ao conceptualizar Twitter como rede de información e non como unha rede social–, como paradigma da distribución de información en tempo real e de comunicación global, foi demostrándonos que os tempos están a mudar e que a información xa non é propiedade exclusiva dos xornalistas e dos medios de comunicación. A información estase democratizando, polo menos na súa produción, non tanto na súa distribución (o 50% das ligazóns publicadas en Twitter en Estados Unidos son xeradas por tan só o 0,05% dos usuarios, a elite desta rede, o cal me fai pensar que talvez Twitter pon de novo de actualidade a Teoría dos dous pasos –Two-Step Flow– de Lazarsfeld).

A explosión das redes sociais, a popularización de gadgets e as ferramentas de código aberto están a permitir que os que antes eran consumidores pasivos agora se incorporen activamente ao proceso de produción de contidos. Son os chamados prosumidores, aos que Alvin Toffer definiu como aquelas persoas que “consomen o que elas mesmas producen”.

No caso da información, o que están a facer estes prosumidores non é tanto exercer o papel de xornalistas no seu sentido máis ortodoxo, senón máis ben servir como fontes para a elaboración minuciosa da notica que avanzan ou complementan estes usuarios activos. Como ben lembraba Juan Varela, “a morte de Osama Bin Laden converteuse nunha demostración máis do poder e as vantaxes das redes sociais, e como os medios informativos deben usalos para reportear e cubrir a información. Iso si, non substitúen ao xornalismo nin á necesidade da verificación e o contraste. E, tampouco, á obriga de citar e a responsabilidade de enlazar”.

“Non é a primeira vez que as redes sociais se adiantan na publicación das noticias, aínda que a miúdo sexan apuntamentos ou testemuños fragmentarios e onde a inmediatez manda”, prosegue Varela.

É dicir, o usuario activo –prosumer– publica un contido presuntamente real, presuntamente verídico, unha materia prima da que posteriormente se valen os profesionais da información xornalística para contrastala, elaborala minuciosamente e distribuíla por canles tradicionais e novas que outorgarán a esa información maior penetración e impacto na sociedade (lembremos: o 0,05% dos usuarios, unha elite, xera o 50% das url compartidas en Twitter).

Velaquí onde atopamos un dos retos máis importantes para os xornalistas e medios que interactúan nas redes sociais. Cada vez é máis imperiosa a intervención dos verificadores de datos (fact-checkers), figuras moi asentadas no xornalismo anglosaxón (brillan pola súa ausencia en España), que hoxe día adquiren un papel determinante para distinguir a información verídica dos rumores, das manipulacións, das mentiras, do inexacto, nun novo ecosistema onde sobreabundan os contidos, no que nos vemos desbordados por avalanchas de información e/ou desinformación (Twitter as a Vector for Disinformation, estudo publicado en 2010 na School of Computer & Security Science da Edith Cowan University, Australia, advírtenos de que igual que todas as redes sociais, Twitter é vulnerable a ataques de desinformación, pero Twitter é especialmente susceptible debido ao formato informal das mensaxes e a estrutura asimétrica da relación entre os nodos da rede), onde todo flúe e distribúese sen control aparente, nunha sorte de perfecto caos comunicativo no que adquire especial importancia o verificador de datos e feitos: a foto está trucada?, o vídeo é unha montaxe?, é certo o que se di en Twitter?

Merece especial atención o artigo publicado por Virginia Hefferman, verificadora de datos de The New York Times, no que explica como cambiou o seu labor coa irrupción de internet:

“O departamento de control comprou unha subscrición anual a Nexis [LexisNexis], o enorme arquivo de procura de xornais e revistas. Os fact-checkers adoitaban estar en liña para o seu uso. Ninguén parecía estrañar o microfilme. Os editores antigos mantiñan que "non podías confiar en Nexis", pero logo apareceu a Web, e a frase entre a vella garda converteuse en "non podes confiar en Google”. Mentres tanto, un proceso inverso estaba a producirse na cultura pop, cando a banda ancha trouxo millóns de feitos, a fantasía da verosimilitude perfecta e a satisfacción de comprobación dos feitos para todo o mundo. Pronto –e sorprendentemente– Google converteuse en moito máis que un sitio de confianza, converteuse na abreviatura de todo o que se rexistrou na historia moderna. Internet non era o certo ou o incerto, era o único. E a comprobación dos feitos xa non era só un asunto de back-office”.

Na súa disertación, Hefferman conclúe cunha dúbida aínda por resolver:

“Se a Web cambiou o que se cualifica como comprobación dos feitos, cambiou tamén o que se cualifica como un feito? Sospeito que os feitos na Web son agora máis os artefactos retóricos que os obxectos identificables. Pero isto non podo verificalo”.

A figura do fact-checker faise máis necesaria que nunca. O inxente fluxo de información que circula en internet e, dentro deste metamedio, os millóns de datos e feitos que se lanzan e comparten nas redes sociais a unha velocidade vertixinosa, sen comprobar a súa veracidade, a súa procedencia, o seu rigor, a súa precisión, esixe valorar máis a figura do verificador de datos. Precisamente un dos diarios máis prestixiosos do mundo, The Washington Post, conta tanto na súa edición en papel como na dixital cunha columna informativa co título "The Fact Checker", un espazo que avalía os feitos e os datos, e no que os lectores xogan un papel decisivo. Xunto a esta columna inclúese The Pinocchio Test (O Test de Pinocho), unha cualificación que determina a veracidade da información. Un alto número de 'Pinochos' rebaixa a calidade da información.

Esta necesidade de distinguir o aserto do incerto, o real do falso, o sucedido do inexistente, motivou a creación mesmo de auténticas institucións de fact-checking en Estados Unidos, país onde hai unha longa e consolidada tradición na verificación de datos. Caso paradigmático é o de Factcheck.org, organización sen fins de lucro, non partidista, que forma parte de The Annenberg Public Policy Center da Universidade de Pensilvania. Factcheck.org é unha ferramenta para a verificación moi útil para xornalistas. Thomas E. Patterson, profesor no Centro Joan Shorenstein sobre a Prensa, Política e Políticas Públicas na Kennedy School of Government da Universidade de Harvard, dicía que Internet permitiu aos medios de comunicación externalizar a súa investigación.

"Non quero dicir que os xornalistas sexan preguizosos. Pero se hai fontes alternativas dispoñibles máis rapidamente e teñen máis confianza nelas, entón fan uso delas. O que pasa é que os xornalistas están a reaccionar a recursos baseados en Internet. Non hai ningunha razón para que reinventen a roda".

Isto entronca coa advertencia que fai o comunicólogo mexicano Pepe Flores:

“Así, lonxe de supor maior comodidade, as redes sociais deben sacar das súas cadeiras aos xornalistas. Non é o mesmo fiarse de alguén cuxo produto é a confiabilidade –como unha axencia noticiosa– que do resto das persoas, sen a responsabilidade moral de informar atinadamente. O xornalismo caeu na ilusión de omnisciencia, en crer falsamente que as vantaxes tecnolóxicas liquidan as carencias do seu oficio. Si, agora saben máis, pero están seguros de nada. O seu traballo, señores, é a exactitude, non a cantidade”.

E niso estamos, na necesidade de adaptar rutinas obrigadas para a profesión xornalística aos novos tempos, nos que a información flúe a unha velocidade vertixinosa pola rede de redes xunto con rumores, falsidades, incertos...

Non hai que irse moi lonxe no tempo para comprobar que o traballo dos fact-checkers debe ir cobrando protagonismo na nova contorna comunicativa. Lembro fotos que se publicaron do furacán Irene supostamente golpeando a costa de Carolina do Norte e que se distribuíron polas redes sociais. Algunhas das imaxes que se compartiron non eran de Irene, senón de fenómenos meteorolóxicos extremos que sucederan anteriormente.

Tamén lembro a fotografía dun tiburón mergullando polas rúas de Porto Rico tras o impacto de Irene, unha fotografía que resultou ser un fake, que se distribuíu na canle de marcadores sociais Reddit e que publicaron websites e medios tradicionais.

É certo que o xornalista non lle pode dar as costas ás redes sociais, pero debe saber navegar entre mareas de datos e presuntos feitos dos que descoñecemos a súa procedencia e a súa veracidade. En todo caso, estamos obrigados a estar nos novos espazos onde se producen e difunden contidos, verídicos e por verificar. Como ben indica Ana Alfageme, responsable de medios sociais de El País, “os xornalistas nas redes sociais podemos pescar información, reaccionar ante noticias de última hora, conseguir fontes e noticias, pedir axuda para elaborar as nosas informacións e entender e actuar sobre o que está a pasar”. E entender o que está a pasar é comprender que todo o que circula polas redes sociais non é información verídica nin contrastada.

Sen dúbida, un dos grandes retos aos que se enfrontan os xornalistas en internet é a verificación de datos e feitos. A profesora María Pilar Diezhandino Nieto, catedrática de Xornalismo e directora do Departamento de Xornalismo e Comunicación Audiovisual na Universidade Carlos III de Madrid, apuntou xa moi acertadamente na Reunión Científica da Sociedade Española de Periodística celebrada en Santiago de Compostela, o 27 e 28 de maio de 2005, que “o xornalismo seguirá sendo, ou non o será, o labor de seleccionar, comprobar, verificar, producir, clasificar, ordenar, dar sentido, ofrecer motivos para a credibilidade. Hai unha tecnoloxía nova con infinidade de recursos. Tantos como perigos, para aquilo que Ortega e Gasset chamaba a boa información […] A cuestión segue sendo defender o xornalismo e ao xornalista. Nesta corrente de cesión na que nos atopamos, de conformismo e banalización e abandono da máxima do relato xornalístico: a imprescindible esixencia verificadora”.

albertoquian[arroba]gmail[punto]com
redessociais[arroba]galiciaconfidencial[punto]com
@McShuibhne

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Alberto Quian Doutor en Investigación en Medios de Comunicación, Premio Extraordinario de Doutorado 2015-2016 e profesor de Xornalismo na Universidad Carlos III de Madrid. Naceu en Vigo o 7 de agosto de 1976. No ano 2000 comezou a súa carreira como xornalista en Faro de Vigo, ata que en 2008 deu un xiro co Posgrao en Xornalismo Dixital da Universitat Oberta de Catalunya (UOC). Dende entón desenvolve o seu traballo no eido dixital como especialista e investigador. Coa súa tese especializouse en ética e cultura hacker. É responsable de Redes Sociais e da área de Ciencia de Galicia Confidencial, labor que compaxina coa súa labor como investigador e con traballos para distintas empresas públicas e privadas no eido dixital e en medios tradicionais. Twitter: @AlbertoQuian. Autor do libro: 'El impacto mediático y político de WikiLeaks'.