O Comité Galego de Fútbol Base analizará a "preocupante actitude de pais" tras unha pelexa nun partido

O árbitro suspendeu un partido de prebenxamíns en Pontevedra tras encerellarse varios proxenitores nunha pelexa.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/03/2019 | Actualizada ás 11:41

Comparte esta noticia

Este luns, na sede da Real Federación Galega de Fútbol en Santiago, vaise a celebrar a primeira reunión deste novo mandato do Comité Galego de Fútbol Base que abordará como "primeiro asunto a tratar" a violencia en partidos de fútbol base, "con especial mención á preocupante actitude de pais e nais".

A Federación refírese a "os últimos e lamentables acontecementos" vividos este domingo nos campos de fútbol da Xunqueira, onde un encontro de categoría prebenxamín tivo que ser suspendido por mor dunha pelexa na bancada entre pais e nais de xogadores de ambos os equipos.

O partido en cuestión enfrontaba á AJ Lérez e á EFB Moañesa, da categoría Prebenxamín Primeira Galicia, nun dos campos de Fútbol-8 do complexo deportivo pontevedrés. Segundo reflectiu na acta o colexiado Alexander Váquez Castro, cando corría o minuto 20 de xogo, cun resultado de 3-0, "observo que afeccionados de ambos os equipos, na súa case totalidade nais e pais dos xogadores enceréllanse nunha discusión que vai subindo de ton ata o punto de converterse nunha pelexa, tendo que intervir as forzas da orde".

O árbitro do partido, "ante a gravidade dos feitos e a curta idade dos xogadores", explica na súa acta, decidiu dar por terminado o partido "estando ambos os delegados conformes" coa súa decisión. Ante esta situación foi requirida a presenza de axentes da Policía Local, xa que a disputa incluíu varias agresións e polo menos unha persoa ferida.

CONDENA

Por parte da Real Federación Galega de Fútbol condenan "todo tipo de violencia, física ou verbal, que se produce nun campo de fútbol" e, aseguran que están "a traballar para poder solucionar este problema que tanto preocupa á Xunta Directiva".

Hai xa dúas tempadas o propio Comité de Fútbol Base aprobou a medida de darlle ao árbitro a potestade de suspender un partido no caso de producirse algún tipo de violencia desde a bancada, mesmo si esta fora verbal, con insultos ao propio árbitro, a adestradores ou xogadores.

Este Comité está presidido por Rafael Louzán, presidente da RFGF, e está formado por varios directivos e altos cargos federativos, así como por clubs representativos do fútbol base de cada unha das sete Delegacións federativas, máis a subdelegación da Costa. A eles tamén se suman agora o tres clubs profesionais do fútbol galego: RC Celta, RC Deportivo e CD Lugo.

Un adestrador fala cun árbitro
Un adestrador fala cun árbitro | Fonte: Carlos Domarco (COB)

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Un galego

Dunha sociedade podre e chea de chonis é o resultado... E os demais a mirar pra outro lado... E as institucións a dar subvencións... Porque se non, o votante pode estar cabreado...