A Facultade de Medicina de Santiago presenta a 'Paul', a simulación dun bebé neonato máis avanzada do mundo

O centro da USC buscará captar fondos co uso desta recreación en xornadas deestinadas a expertos. Tamén incorpora novos equipos "hiperreais" para que os alumnos practiquen en cuestións como facer anestesias ou colocar catéteres.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/02/2019 | Actualizada ás 15:35

Comparte esta noticia

A Facultade de Medicina de Santiago presentou este xoves os novos equipos para a área de simulación médica que están dirixidos á docencia. Entre eles, atópase 'Paul', a recreación dun bebé neonato que custou 60.000 euros, pero que se empregará sobre todo para captar fondos a través do seu uso en xornadas destinadas a profesionais especializados.

'Paul', A Simulación Dun Bebé Neonato Máis Avanzada Do Mundo
'Paul', A Simulación Dun Bebé Neonato Máis Avanzada Do Mundo | Fonte: Europa Press

Este simulador "hiperrealista" dun recén nado crítico dun quilo de peso é o "produto estrela" destes novos equipos, explica o decano de Medicina, Julián Álvarez Escudero, quen subliña que 'Paul' "é o máis avanzado que hai no mercado e hai moi poucos funcionando no mundo".

Explica que 'Paul' "non é para estudantes de Medicina", xa que "non tería sentido que aprendesen a manexar un bebé dun quilo ou 700 gramos", pois sempre "van estar nunha unidade de coidados intensivos neonatais" e tratados por neonatólogos "cunha técnica moi específica". Con todo, esta simulación avanzada "permite xerar recursos que faga sustentable o sistema".

Álvarez Escudero indica que se poderán organizar cursos no Hospital Clínico con neonatólogos para facer unha simulación, co que "non se pretende facer negocio", senón manter o funcionamento da universidade.

Máis aló de 'Paul', o resto de tecnoloxía de simulación presentada este xoves está dirixida a alumnado de Medicina, Odontoloxía e Enfermaría.

Realidade virtual e tecnoloxía implantada en maniquíes son algún dos novos modelos que poderán usar os estudantes. Por exemplo, hai unhas costas para facer puncións, que servirá para sacar mostras de líquido cefalorraquídeo, colocar catéteres ou facer anestesias epidurais.

Tamén un simulador para adestramento en ecografía, así como unha ferramenta de aprendizaxe interactiva que usa anatomía real e casos clínicos para desenvolver un pensamento crítico (chamada 'Sectra). Ademais, pódese practicar coa infiltración intrarticular nos ombros con inxeccións en tecidos brandos.

O decano incide en que a simulación garante maior "seguridade", coa "vantaxe" de que "se grava, analízase e apréndese". "O razoable é que repitas 50 ou 100 veces o procedemento nun simulador e logo o fago co enfermo", defende.

"Neste momento non é ético que o primeiro contacto entre un estudante de Medicina e un enfermo sexan as luvas, ten que haber pasos intermedios", opina.

Ademais, incorpórase unha persoa técnica informática encargada de xerar os escenarios "cribles" de simulación. Agora a intención é a posta en marcha dun plan para a posta en valor de equipos como estes. Explica que se está á espera da apertura do Centro de Bioloxía Experimental (Cebega) para a investigación con animais, que permitirá "un reordenamento de espazos na facultade", xa que "toda a investigación con animal se vai da facultade ao Cebega".

Así, prevese levar a cabo unha reforma con fondos propios, que pasaría por habilitar para simulación avanzada unha zona da facultade de Medicina que non se está utilizando. Con todo, Álvarez Escudero explica que "grandes reformas arquitectónicas non se van a facer ata que haxa un plan director para esta casa" e se decida cal vai ser o futuro da facultade.

Ata a data, os equipos da facultade estaban máis centrado en reanimación cardiopulmonar, pero agora diversifícanse os equipos e técnicas. Precisamente, sobre esa reanimación cardiopulmonar aposta por que os profesores se homologuen nestas técnicas polo European Resuscitation Council para que os alumnos poidan saír cun currículo cunha acreditación maior.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta