"Doutoramento sen contrato, sáevos ben barato": investigadores da USC contra a precariedade

A universidade convocounos a unha reunión o 5 de marzo para abordar a problemática, pero cren que pode ser unha "bomba de fume". Por outra banda, alumnos de Farmacia protagonizan outra concentración para reclamar unha facultade "digna"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/02/2019 | Actualizada ás 13:48

Comparte esta noticia

Decenas de investigadores protestaron este xoves en Santiago de Compostela ante o Reitorado para denunciar a situación de precariedade que viven. Pola súa banda, a USC convocounos a unha reunión para abordar esta problemática. Quedou fixada para o mércores 5 de marzo.

Decenas de investigadores protestan en Santiago pola súa precariedade
Decenas de investigadores protestan en Santiago pola súa precariedade | Fonte: Europa Press

Así, concentráronse tras unha pancarta co lema 'Xuntas en prol dunha investigación non precaria e con futuro', mentres portaban camisetas nas que piden unha USC "digna". Cánticos como 'dignidade, queremos dignidade investigadora' ou  'doutoramento sen contrato, sáevos ben barato' tamén estiveron presentes na manifestación.

En declaracións a Europa Press, Daniel Cao Labora, estudante de doutoramento de Matemáticas, explicou que a súa principal reivindicación pasa por que "a USC está a discriminar a persoal que está a realizar as mesmas labores pero non está a percibir o mesmo salario".

De tal forma, despois de "moitos meses de protesta" e enviar correos á universidade sen resposta, convocáronos a unha reunión, pero quéixase de que "non se di cales son os puntos que van tratar", "nin absolutamente nada", polo que pide "garantías de que esta situación vaia cambiar para mellorar".

Con todo, sinala que hai "un antecedente que non fai sospeitar nada bo", como é que o pasado mes de outubro tiveron un encontro coa xerencia, na que se trasladou que se ían a levar esas reivindicacións á mesa sindical, pero lamenta que isto "nunca" sucedeu. De tal forma, cre que esta nova convocatoria "pode ser unha bomba de fume para difuminar un pouco todo, porque a situación real é que neste nove meses non se produciu un avance real".

Segundo explica, a Asemblea de Investigadores de Compostela (AIC), convocante desta mobilización, conta actualmente con máis de 150 persoas que critican que a USC precarice aos investigadores predoutorais e posdoutorais con convocatorias cun salario mínimo por baixo do fixado pola propia universidade en 2016. Por exemplo, alguén contratado con financiamento do Ministerio percibe uns 1.000 euros menos que ese mínimo establecido.

O REITOR: "ESTAMOS A  BUSCAR SOLUCIÓNS"

Pola súa banda, o reitor da USC, Antonio López, dixo que os investigadores son contratados en convocatorias de ámbito autonómico ou estatal, de forma que a universidade contrátaos "con cargo" a esta cuestión. "Isto xera algunhas diferenzas das que somos conscientes", recoñeceu.

"Somos conscientes do problema e estamos a tratar, loxicamente, de buscar solución", asegurou Antonio López a preguntas dos medios este xoves. Por tal motivo, apunta que haberá unha reunión o mércores coa xerencia e cos representantes sindicais "porque é un tema de condicións laborais", "que se deben negociar nos ámbitos de negociación da universidade".

"O que temos que facer é que as entidades que convocan, e que son as que achegan o financiamento para ese tipo de contratos, poidan mellorar esas condicións económicas", sostén o reitor da USC.

OS ESTUDANTES DE FARMACIA RECLAMAN UNHA FACULTADE "DIGNA"

Noutra orde de cousas, este xoves tamén se produciu unha protesta de alumnos e persoal de Farmacia, que se concentraron para reclamar unha facultade "digna", xa que denuncian que levan tres anos con ela pechada por unhas obras que non avanzan. Tal como recolleu Galicia Confidencial, levan todo este tempo espallados por distintos centros. Agora a USC decidiu derrubar o edificio central do aulario ante a contaminación existente por hidrocarburos.

Así, na protesta portaron as súas batas de laboratorio con pancartas como 'Facultade morta no campus vida', 'Solucións xa', 'Tres anos de peregrinaxe' e 'Non máis laboratorios anticuados', entre outros.

Sobre esta cuestión, o reitor da USC sinala que hai previstas unha "serie de actuacións inmediatas para que xa o curso que vén parte dos estudantes de Farmacia poidan estar a cursar na súa facultade".

Preguntado polos fondos para esta actuación, Antonio López sinalou que hai unha parte de ampliación e mellora incluída no orzamento da USC, pero que "é moi limitada", polo que se van a "buscar novas formas de financiamento". Sobre se se van vender inmobles para custealo e se está previsto manter contactos coa Xunta, limitouse a expresar: "Teremos que buscar todos os medios que teñamos ao noso alcance".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta