Por Galicia Confidencial | Compostela | 14/02/2019 | Actualizada ás 18:54
A Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) acollerá este mes de xuño o simposio ‘Presenza e eliminación de microcontaminantes en auga’. Un evento que terá lugar marco da rede Novedar que coordina o grupo de Biotecnoloxía Ambiental (Biogroup) da USC do profesor Juan M. Lema.
O encontro organizarase en catro sesión ordinarias, cada unha cunha conferencia convidada e presentacións complementarias, e unha a maiores con comunicacións curtas organizadas de maneira temática. Adicionalmente terá lugar unha mesa redonda de debate na que xa está confirmada a presenza de Juan Lema e Damià Barceló, profesor de investigación e subdirector do IDAEA–CSIC e director científico do ICRA.
Na sesión sobre a presenza de microcontaminantes en augas naturais e minerais o relator será Amadeo Fernández-Alba, catedrático de Química Analítica na Universidade de Almería e director do Laboratorio Europeo de Referencia para Residuos de Praguicidas. Pola súa banda, o catedrático en Enxeñaría Química da USC Francisco Omil será o conferenciante da sesión sobre o comportamento de microcontaminantes en EDAR.
Na xornada sobre os tratamentos intervirá como relator Sixto Malato, responsable da Unidade de Tratamentos Solares de Augas da Plataforma Solar de Almería do CIEMAT e co director CIESOL, mentres que Antonio Juan García Fernández, catedrático da Área de Toxicoloxía pola Universidade de Murcia e investigador principal do Grupo de Investigación de Toxicoloxía, fará o propio cos impactos. O prazo de envío de traballos remata o vindeiro 1 de marzo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.