Confirmada a condena de prisión permanente revisable para o parricida de Oza-Cesuras

Os maxistrados rexeitan os argumentos da defensa e ratifican a condena imposta polo xurado popular o pasado mes de outubro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/02/2019 | Actualizada ás 19:42

Comparte esta noticia

A Sala do Civil e Penal do TSXG confirmou a condena de prisión permanente revisable para Marcos Javier Mirás polo asasinato do seu fillo de 11 anos o 7 de maio de 2017, o Día da Nai e durante o fin de semana que lle correspondía estar co menor polo réxime de visitas establecido tras o seu divorcio, en 2009.

Marcos Mirás, acusado do asasinato do seu fillo de 11 anos en Oza-Cesuras
Marcos Mirás, acusado do asasinato do seu fillo de 11 anos en Oza-Cesuras | Fonte: TVG.

Os maxistrados, cunha sentenza emitida o pasado 31 de xaneiro, rexeitaron os argumentos expostos pola defensa do condenado, que alegou que Marcos Javier Mirás se atopaba baixo os efectos dun brote psicótico cando golpeou o seu fillo cunha pa de obra na cabeza.

Ademais, o TSXG tamén tomba a atenuante de reparación do dano que reclamaba a defensa, xa que dan por bo o fallo do xurado popular, que considerou probado que a intención do acusado era a de provocar á súa exmuller "o maior sufrimento posible", polo que desestimaron como "relevante" que o asasino conducise ás forzas da orde ao lugar onde depositara o cadáver do seu fillo.

Deste xeito, o tribunal confirma a condena emitida polo xurado popular o pasado 5 de outubro, que considera a Marcos Javier Mirás culpable dun delito de asasinato con aleivosía co agravante de parentesco e de xénero, en concurso medial cun delito de lesións psíquicas á súa exmujer.

Así as cousas, a sentenza, contra a que cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo, determina que o acusado non aceptou a decisión da súa esposa de separarse del no ano 2009, polo que decidiu asasinar o fillo que tiñan en común "coa intención de causarlle o maior sufrimento psíquico posible".

Ademais, tamén impón a prohibición ao condenado de aproximarse a menos de 1.500 metros da muller, con quen tampouco poderá comunicarse durante un período de cinco anos máis que a duración efectiva da pena de prisión permanente revisable.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta