Por Galicia Confidencial | Santiago | 31/01/2019 | Actualizada ás 21:00
O Xulgado Contencioso-Administrativo número dous de Santiago declara a existencia de vulneración ao dereito de liberdade sindical por parte da no SERGAS en Compostela. A sentenza coñeceuse este pasado 28 de xaneiro.
A finais de xuño de 2017 un grupo de médicos do sindicato médico CESM-Omega, solicitaron primeiramente á EOXI de Santiago e logo á Dirección Xeral de Recursos Humanos do SERGAS, documentación relativa aos nomeamentos estatutarios de persoal temporal eventual facultativo. Os representantes sincidais alegaron querer coñecer a data de nomeamento deste persoal eventual temporal. Pola súa parte, a dirección de Recursos Humanos do Sergas alegou que o que se quería era coñecer a data exacta de comezo de traballo dos facultativos temporais.
A orixe da petición do CESM-Omega está na publicación no DOG do día 4 de maio de 2017 do Plan de Estabilidade de Emprego e provisión de prazas de persoal estatutario. Este plan buscaba a estabilización do persoal eventual. Así, cando o sindicato médico solicitou a información sobre o persoal eventual, alegou querer “fiscalizar/controlar o uso fraudulento de nomeamentos eventuais sucesivos”.
O primeiro escrito solicitando a documentación sobre contratacións eventuais e nomeamentos, foi enviada á Xerencia da EOXI (Estrutura Organizativa de Xestión Integrada) de Santiago o día 18 de setembro de 2017. Un segundo escrito foi enviado á Dirección Xeral de Recursos Humanos do SERGAS o día 31 de xaneiro de 2018.
Na propia sentenza sinálase que o SERGAS enviou “de forma extemporánea parte da documentación solicitada”. Tamén se sinala que nos papeis enviados non se facilitaba a data de inicio de prestación de servizos do persoal eventual, mais pola contra, si se presentaba a data de nomeamento.
Durante o xuízo os representantes legais do SERGAS estimaron a solicitude da documentación como “excesiva”. Non obstante, na sentenza enténdese que non houbo exceso na petición, ademais de sinalar que o dereito á información forma parte das liberdades sindicais. Desta maneira, a sentenza declara que os dereitos á liberdade sindical foron vulnerados por non ter facilitado o SERGAS a documentación que pedían os representantes sindicais, instando o tribunal ao Servizo Galego de Saúde que facilite os documentos solicitados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.