Os traballadores de La Voz de Galicia aceptan negociar o convenio malia que continúan os despedimentos

A empresa xa despediu sete empregados no que vai de ano e continúa co seu plan de recortes para manter só o 80 por cento dos postos de traballo e aplicar minoracións salariais. Os cambios tamén están afectando aos postos de coordinación do medio.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 28/01/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Xa son sete os traballadores despedidos en La Voz de Galicia desde que comezou 2019. A modo, pero sen pausa, a dirección vai aplicando o seu plan para reducir o cadro persoal –mediante baixas incentivadas e despedimentos–, que coincide cunha fonda reestruturación no organigrama do xornal, un novo modelo de negocio e máis recortes salariais. E malia o malestar causado, os traballadores ceden unha vez máis.

Protesta dos traballadores de La Voz de Galicia
Protesta dos traballadores de La Voz de Galicia | Fonte: Comité de La Voz de Galicia .

Os máis de 300 empregados foron consultados polo comité intercentros en todos os centros de traballo de La Voz de Galicia. Á pregunta de se o comité debe renovar a negociación coa empresa do convenio colectivo, a pesar dos sete despedimentos, a maioría votou 'si'.

En concreto, emitíronse 195 votos, dos que 120 (61,5%) foron a favor da negociación, 71 (36,5%) en contra e 4 foron emitidos en branco. Datos que, a priori, sorprenden, logo de anos sufrindo recortes os traballadores e despois de que no comité, fartos, desen un paso inusitado neste xornal, ao enfrontarse publicamente á dirección e dar por rotas as negociacións, baixo o lema "Nin un só despido".

O goteo de baixas é incesante e dáse a todos os niveis. Ben pola vía da carta de despedimento, por baixas incentivadas ou polo desalento, o certo é que a Corporación Voz de Galicia está a desfacerse dun bo número de traballadores. A empresa só se compromete a manter o 80 por cento dos empregos este ano. Isto é, perderanse arredor de 60 postos de traballo.

"A empresa decidiu romper a paz social nun momento delicado", denunciaban días atrás fontes dos traballadores, que revelaron que "ningún despedimento foi comunicado ao comité" e que se executaron sen a preceptiva presenza dun representante sindical, co que a empresa tomou estas medidas "con escuridade e mala fe", criticaron. É por isto que o comité intercentros dera por rotas as negociacións do novo convenio. Pero agora, e malia os despedimentos de compañeiros –que continuarán–, a maior parte dos traballadores cederon e votaron 'si' á negociación. 

MALESTAR POLA NOVA ORGANIZACIÓN DO TRABALLO

Para ese 80 por cento que aguantará na cadeira, as preocupacións son outras. Principalmente, a organización e carga de traballo, ante a integración total das redaccións de papel e dixital. Fontes de La Voz explican que a empresa vendeu como un "éxito" os cambios na redacción. Algo co que "discrepa o persoal", xa que se considera "inxusta a repartición de tarefas".

O novo organigrama, din, obriga a "excesivas cargas de traballo nalgunhas seccións con pouca xente e a crecente presenza de coordinadores que fan caótica a cadea de mando".

"O que fai falla agora é moita man de obra para atender o tempo real da web e facer páxinas para o xornal", advirten as mesmas fontes. 

A isto hai que engadir a mudanza no modelo de negocio, que se fará efectiva o vindeiro mes de marzo, cando se activará un muro de pago para acceder a contidos do xornal. "Entre os traballadores hai preocupación, porque non se reforzou a redacción para afrontar unha etapa na que a calidade informativa é esencial para captar novos subscritores", advirten.

VILELA QUERE SEGUIR COMO DIRECTOR

Esta situación tamén está afectando aos postos de dirección do xornal. Tras a saída de varios xefes de sección, o director do medio, José Luis Vilela, manifestaba no acto de engrega do Premio Diego Bernal, o seu interese por seguir ao fronte do medio.

"Gustariame estar nesta nova andaina", dixo. "Teño 62 anos e tiven xa dous infartos, un hai dez anos e outro o pasado 27 de decembro, e quero seguir vivindo esta profesión de servizo á sociedade", suliñou con rotundidade co que algúns dos presentes interpretaron como unha posición de afirmación da súa posición en La Voz de Galicia.

Nas últimas semanas especulouse coa posibilidade de que Vilela fora tamén substituído da dirección do xornal. Ten 62 anos e estaría xa en idade de prexubilación. De feito, a dirección do grupo anima aos xornalistas que superan os sesenta a prexubilarse, pero ese parece non ser o caso do aínda director de La Voz.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 8 comentarios

4 Voceira

Síntoo polos que votaron que non, porque o por agora intocable Lois Blanco xa ten poder absoluto para rebaixar soldos e seguir botando a xente. O seu obxectivo é presentar bos números a final de cada ano para xustificar o seu megasueldo e encher a redacción de becarios cobrando o mínimo. Iso xa está a repercutir na web, que encheuse de noticias absurdas e virales polas que ninguén pagará un euro. Lois Blanco pasará á historia por desmantelar V Televisión e o que queda daquela Voz que si foi no seu día a voz de todos os galegos. E de Vilela, que dicir, alguén que traizoou a toda unha xeración de compañeiros e que non deixa de sorrir cada vez que lle poñen unha cámara diante. Pouco máis. Penoso panorama o que permitiu Santiago Rey rodeándose dun pelotón de pelotas profesionais que están a afundir definitivamente un dos mellores xornais de España.

3 Reckiario

Eu síntoo moito pero nesa redacción sementaron complacencia e agora recollen covardía. Non se pode ter o papo de pedir solidariedade cando os redactores de LVG poñen os cornos a todo cristo cos seus silencios e as súas transixencias. Aceitastedes? Pois aceitade. Non se pode permitir o bocamarronismo de sampedro, p.e. (hoxe mesmo defende os insultos de feijóo. o presidente di que os que protestan porque o sergas mete noxo son chavistas, e sampedro, para non variar, aplaude). Nunca a redacción dixo nada contra estas tolemias, coma si facían en el pais. Agora que non pidan. E os corporativistas, ollo, que miramos para vós

1 Sentidiño

Defender os traballadores da Fábrica de Armas non é defender as armas...

2 Carmen Lastra

Nin defender a caza é ir contra os raposos! Que Sentidiño tan doado, sobre todo se ti non es a peza cazada a abater... Acontece que, cando menos os que fomos víctimas, vainos custar sentir dor polos nosos verdugos.

3 Sentidiño bis

Defender os traballadores das caixas e do Pastor non é defender os banqueiros...

4 Fran Correa

E logo os empregados que ian á caza do que nada sabía de finanzas, mellor de idade avanzada e nula información, para colocarllles preferentes, subordinadas e productos lixo, tamén son traballadores honrados? Ser proletariado, muller, minusválido ou homoxesual non garantiza ser decente como profesional nin sempre merece apoios! Os xornalistos vendidos, tampouco!

2 Gamela

E tí que pensas? Que serí un bo momento para que GC lanzase a súa propia campaña para saber que pensan os lectores e que prensa queren para o futuro... El Pais tamén anda buscando lectores e cicais fose un bo momento para dar algunha resposta dende Galcia! https://elpais.com/especiales/y-tu-...

1 toxo

e quero seguir vivindo esta profesión de servizo á sociedade", ....jajaja.....ó servizo de quen ?